A inclusión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas na Lista Ramsar converterá a Galicia na terceira comunidade española cun maior número de humidais distinguidos con este recoñecemento de carácter internacional, concretamente seis. Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou o arquipélago de Cíes acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Tras lembrar que a candidatura do Parque Nacional para entrar na listaxe de humidais de importancia internacional foi ratificada a semana pasada polo Consello de Ministros, a conselleira explicou que, con esta decisión, só Andalucía e Valencia superan a Galicia no ranking estatal de zonas Ramsar, no que ocupa o terceiro posto xunto ao País Vasco.
En total e contando xa coas preto de 8.500 hectáreas correspondentes ás Illas Atlánticas, os seis humidais galegos de importancia internacional suman 16.178 hectáreas, de xeito que a incorporación do Parque Nacional suporá duplicar a superficie galega incluída ata agora na Lista Ramsar. Cómpre lembrar que as outras zonas húmidas da Comunidade son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; e a ría de Ribadeo.
Así mesmo, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, esta nova distinción supón tamén un pulo importante para o recoñecemento internacional da importancia e riqueza patrimoniais que atesoura este espazo. De feito, lembrou que á falta tan só de que a Unesco ratifique a súa inclusión na Lista Ramsar, as Illas Atlánticas poden presumir xa de concentrar seis das principais figuras de protección medioambiental que existen.
En concreto, referiuse a que forma parte da Rede ÓSPAR de áreas mariñas protexidas, é Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), tamén Zona de Especial Conservación (ZEC), conta coa declaración de Lugar de Interese Comunitario (LIC), e no ano 2002 converteuse en Parque Nacional, o único que hai en toda Galicia.
En todo caso, cómpre lembrar que este espazo tamén acumula outro tipo de recoñecementos notables, como a Carta europea de turismo sostible, a consideración de destino Starlight pola calidade do seu ceo nocturno, ou o selo Observer de turismo científico.
Ademais, a intención da Xunta é que a actual lista de mencións siga crecendo xa que, como indicou a conselleira, o Parque Nacional das Illas Atlánticas tamén opta á declaración como Patrimonio da Humanidade, a única candidatura española incluída desde 2018 na lista indicativa que toma como referencia a Unesco para decidir as novas proclamacións.
RARO E ÚNICO
Tal e como avalan os traballos realizados pola Xunta para avalar a candidatura das Illas Atlánticas a zona Ramsar, Ángeles Vázquez lembrou que este espazo cumpre todos os criterios fixados para ser humidal de importancia internacional, sobre todo como hábitat de aves acuáticas.
Cómpre lembrar que a Lista Ramsar é un inventario de prestixio internacional que integra as zonas húmidas máis relevantes de todo o mundo tanto desde o punto de vista do seu interese ecolóxico como pola súa transcendencia para a conservación da biodiversidade.
Precisamente, parte da visita desta mañá polas Cíes discorreu en barco para poder chegar ata a illa este, na que se concentran algunhas das zonas húmidas máis relevantes de todo o arquipélago e que avalan a súa recente proposta como nova zona Ramsar, tal e como explicou o ornitólogo e recoñecido divulgador ambiental Ignacio Munilla.
Así, entre os principais valores e características que avalaron a candidatura das Illas Atlánticas cómpre subliñar o feito de ser un exemplo representativo, raro e único de humidal natural, grazas á extensa rede de furnas mariñas que se localizan nas illas Cíes e Ons.
De igual xeito, a gran espectacularidade paisaxística do conxunto defíneo como un espazo excepcional cun elevado valor faunístico e florístico, no que está confirmada a presenza de case 1.500 taxóns: 416 de flora -un 61% deles algas-, e 1.076 de fauna -o 79%, invertebrados-.
Tamén sustenta poboacións de especies vexetais e animais importantes para manter a diversidade biolóxica, destacando unha particular abundancia de aves acuáticas. De feito, estas illas albergan de xeito regular un 1% de todos os individuos existentes de dúas especies: a gaivota patiamarela e o cormorán moñudo.
Ademais, o Parque Nacional, conformado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, integra unha variada vexetación, coa presenza de polo menos sete especies de flora vascular asociadas a humidais ameazados e 34 endemismos –área de distribución única e limitada que alberga unha especie de planta ou animal-, algúns deles exclusivos.