Díaz traslada a Feijóo o incremento total dos fondos de emprego en máis dun 30%
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, solicitou hoxe, durante unha reunión coa ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, celeridade na distribución dos fondos de emprego ás comunidades autónomas e axudas directas para os sectores máis afectados pola crise por mor da pandemia.
No tocante ao primeiro asunto, Feijóo valorou a confirmación por parte da ministra do incremento total dos fondos de emprego en máis dun 30%, así como o obxectivo de celebrar nas vindeiras semanas a Conferencia sectorial de emprego. “Espero que nas vindeiras semanas teñamos as contías para que poidamos empezar xa a convocar os programas de emprego de xeito inmediato, porque practicamente estamos en abril e necesitamos executar o orzamento”, dixo, asegurando que Galicia cumprirá os obxectivos que se establezan.
Así mesmo, constatou que a Comunidade galega tamén cumprirá cos criterios que marque a UE para poder xestionar os fondos dos programas europeos nesta materia, que ascenden a 700 millóns de euros.
En relación aos sectores máis afectados pola crise, o titular da Xunta trasladou á ministra de Traballo e Economía Social a necesidade de que o Goberno central active os 11.000 millóns de euros anunciados polo presidente Pedro Sánchez, e que estes se convertan en axudas directas, “de maneira que non se perdan nun número indeterminado de requisitos para poder acreditar o dereito a poder percibir estas axudas”, precisou.
“É dicir, estamos a falar de que se flexibilicen e se simplifiquen ao máximo os criterios para que as empresas e os traballadores poidan percibir estas axudas a tempo, xa que se facemos un sistema complexo e difícil, probablemente perdamos en todo este tempo miles de postos de traballo, como consecuencia de que estas cheguen tarde”, sentenciou.