Día Mundial do Teatro
A Xunta de Galicia celebrou hoxe co sector das artes escénicas o Día Mundial do Teatro, nun contexto especial que esixe do esforzo de todos os actores implicados, incluída a administración, tal como sinalou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. O acto desenvolveuse en Santiago, no exterior do Salón Teatro, e contou coa participación do presidente da Asociación Galega de Dramaturxia, Afonso Becerra, e a presenza da meirande parte das entidades representativas do sector en Galicia.
Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, tivo palabras de especial agradecemento ao sector da escena e ao conxunto da cultura polo seu esforzo para adaptarse a esta situación inédita derivada da pandemia, “apostando por novos formatos e dando o mellor de si mesmos para que todos poidamos seguir desfrutando desta arte dun xeito seguro”.
O conselleiro abondou tamén na intervención da Xunta desde o primeiro momento, a través do Plan de Reactivación da Cultura, para “evitar a destrución de emprego e manter o tecido empresarial vencellado ás artes escénicas”. Neste sentido, referiuse á flexibilización das liñas de axudas e á creación de novas convocatorias, así como á reprogramación das funcións que tiveron que ser canceladas a comezos do ano.
No marco das futuras accións dinamizadoras, anunciou a convocatoria da primeira bolsa de dramaturxia e creación, promovida polo Centro Dramático Galego (CDG), compañía pública de teatro, en colaboración co sector para apoiar de xeito global toda a cadea de valor implicada na xeración dunha peza escénica. Segundo explicou o conselleiro, a bolsa é unha iniciativa pioneira que por primeira vez impulsará un proxecto teatral desde o seu nacemento ata que chega ao público.
EMPREGO
Ademais, lembrou que o Goberno galego lanzou esta mesma semana as axudas á creación escénica, cunha dotación orzamentaria de 800.000 euros, aberta desde onte. Esta liña de apoio vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade, co fin de seguir protexendo o seu emprego e incentivar o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia.
O acto de celebración do Día Mundial do Teatro foi conducido polo director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, e contou coa participación de representantes dunha quincena de entidades e asociacións do sector das artes escénicas, tales como o Consello da Cultura Galega, Escena Galega, a Academia do teatro, a Asociación Actores e Actrices de Galicia, Unima Galicia, a Asociación Galega de Xestores Culturais, Dramaturga, a Revista Galega de Teatro, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Aula de teatro da Universidade de Santiago de Compostela, a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Fetega, a Asociación de profesionais de circo de Galicia e a Asociación de Festivais (AFEARTE).
INTEGRAL
No que atinxe á bolsa de dramaturxia e creación, nunha primeira convocatoria vaise apoiar o proceso da escrita cunha axuda de 4.000 euros, e, na segunda, todo o proceso de produción e posta en escena cunha achega de 12.000 euros. O obxectivo é acompañar de xeito global un proxecto escénico, que será coproducido polo CDG e representado no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Segundo a convocatoria publicada hoxe mesmo, haberá un prazo de 20 días para presentar un proxecto de escrita dun máximo de 10.000 caracteres, xunto coa traxectoria das persoas ou colectivos que participen e unha carta de motivación. A proposta adxudicataria disporá de catro meses para a entrega do traballo completo. Na avaliación teranse en conta a calidade e orixinalidade da proposta, a actualidade e interese da temática, a duración da montaxe e o número de intérpretes. Posteriormente, publicarase a segunda fase da convocatoria, de apoio ao proceso de montaxe da peza seleccionada.
PRODUCIÓNS E RESIDENCIAS
Con esta nova medida, cuxas bases da primeira fase poden consultarse xa na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego segue a “reforzar o seu papel como motor escénico tras a crise sanitaria”, sinalou Román Rodríguez. O conselleiro referiuse ás diversas iniciativas postas en marcha este ano, como as residencias artísticas, as emisións en liña da última produción propia, O charco de Ulises, para diversos colectivos ou as visitas en liña ao Salón Teatro para escolares.
O titular de Cultura incidiu na “ambiciosa programación do CDG para este ano, con tres producións propias a través de textos de autoría galega e creación contemporánea”. Así, o pasado xaneiro estreábase O charco de Ulises, o vindeiro mes farao a nova produción Terceiro acto, e para setembro está previsto que chegue aos escenarios o espectáculo Serva-me, Servabo-te. A materialización destas pezas suporá un investimento aproximado dun millón de euros e a contratación de máis de 50 profesionais da interpretación, dos deseños artísticos e dos oficios escénicos. Ademais, o CDG ten previsto realizar ao longo de 2021 sete coproducións.
EN TODA GALICIA
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) celebra tamén o Día Mundial do Teatro con sete función en outros tantos concellos asociados. Así, Butacazero ofrece en Cee o seu espectáculo 32m2; Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, poderá verse en Vilagarcía de Arousa; Celestina, la tragiCLOWNmedia, de La Escalera de Tijera, en Vigo; Nós (a historia de Galicia), de Malasombra Producións, en Redondela; As fillas bravas e o mito de Casandra, de Chévere, en Santiago de Compostela; Mocos, de Contraproducións, en Ames; e Bravas, de Isabel Risco, en Oleiros.
A programación total da RGTA da Xunta de Galicia deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por un valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.