Biblioteca Nós, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, presentaron hoxe en Ourense a Biblioteca Nós, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós que veñen de ser reeditados con motivo do centenario da revista Nós.
Durante a presentación dos volumes, o titular de Cultura da Xunta salientou o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural, así como a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia. “Falar de Ourense é facelo dunha referencia cultural, artística e literaria, dunha cidade que acolleu a numerosos escritores e poetas e que veu nacer a un dos movementos máis importantes dos últimos séculos: a Xeración Nós”, afirmou.
Neste mesmo sentido, Román Rodríguez engadiu que a historia da cidade das Burgas está “marcada pola herdanza intelectual de Nós”. Proba disto, tal e como sinalou, é a Biblioteca Pública de Ourense, na que foron presentados os exemplares e que leva o nome de Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns. “Decisións como a do nome desta Biblioteca demostra o interese e respecto de todos os galegos polo universo Nós”, destacou. Previamente á presentación dos libros, o titular de Cultura descubriu a placa conmemorativa co nome desta dotación cultural no complexo de San Francisco.
TÍTULOS INCLUÍDOS
A colección presentada hoxe recolle dez obras dos autores máis representantes e senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo “ensanchando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva da nosa terra”. Concretamente, os títulos reeditados en colaboración coa Editorial Galaxia son: O esquecedor mentor de Nós, de Antonio Losada Diéguez; Teoría do nacionalismo galego e Leira, de Vicente Risco; Polos vindeiros da saudade, Entre a vendimia e a castañeira e O Señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo; Vicente Risco, de Carlos Casares; Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte; Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e Diario 1921, de Castelao.
“Esta é unha iniciativa na que contamos co mellor aliado: Galaxia, unha editorial que simboliza a resistencia cultural do galeguismo e que está moi vencellada tanto a Nós como a Ramón Otero Pedrayo, presente na súa primeira asemblea”, subliñou o conselleiro antes de engadir que se trata dunha editorial con máis de 70 anos de historia e case 4.000 libros editados. “Galaxia dispón dun catálogo con autores ilustres como Castelao, Risco ou Cuevillas”, sinalou.
CONMEMORACIÓN
O lanzamento desta nova colección enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que, a pesar das dificultades da pandemia, se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.
Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra que xa foi visitada na Cidade da Cultura por máis de 10.000 persoas de xeito presencial e que chegará á cidade de Ourense o vindeiro 18 de febreiro. Así, tal e como explicou o conselleiro, as máis de 300 pezas que compoñen esta mostra e que proceden de España, Francia, Alemaña e Portugal estarán expostas no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata abril de 2021.