O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a xuntanza do Consello, que a Xunta destinará 8 millóns de euros para bonificar a compra de 545 parcelas, cunha superficie de 1,4 millóns de metros cadrados, dispoñibles nos seus parques empresariais, “todo o solo industrial que posúe o Goberno galego na Comunidade”, concretou.
Deste xeito, a empresa pública Xestur e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) sacarán á venda o próximo mes de febreiro a totalidade dos terreos que teñen dispoñibles nos seus polígonos industriais, incluídas as novas comercializacións da Fase A do polígono de Morás (Arteixo), de Touro, e do parque empresarial de Xinzo de Limia, así como as novas fases dos polígonos das Gándaras (Lugo), Muimenta-Cospeito, Taboada e Quiroga.
Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que as empresas interesadas en asentarse na comunidade ou ben en ampliar as súas actuais instalacións, terán tres opcións: acceder á compra deste solo cunha bonificación sobre o prezo de venda do 50% ou do 30%, dependendo da zona onde se empracen as parcelas. Acceder a parcelas na modalidade de dereito de superficie, coa posibilidade de facer adxudicacións a proxectos singulares na modalidade de dereito de superficie, é dicir, a cambio do pago dun canon anual reducido por metro cadrado. E, como novidade, establécese tamén o acceso ás parcelas en determinados polígonos na modalidade de aluguer: “O obxectivo é que dean cabida a instalacións non permanentes”, precisou.
Sobre esta última, aseverou que, en principio, estará dirixida para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal, aínda que podería ampliarse a outras áreas con pouca demanda.
Por outra banda, e atendendo á situación derivada da pandemia, o titular da Xunta aseverou que tamén se dará continuidade ás medidas adoptadas o ano pasado para aliviar o impacto da covid sobre o tecido empresarial, entre as que destacan: a concesión de prórrogas, por causas xustificadas, sobre os 3 anos fixados para concluír a edificación da parcela; a extensión a 6 meses o prazo para o pago do importe da compra de solo adquirido; e ampliación do período de carencia e o do exercicio da opción de compra para os adxudicatarios en dereito de superficie, pasando de 5 a 10 anos.
Cómpre salientar que, desde o ano 2015, a Xunta adxudicou 2,1 millóns de metros cadrados de solo empresarial nos parques da súa propiedade.
O solo adxudicado en compravenda, nestes últimos 6 anos, supuxo o desembolso por parte dos compradores de máis de 104,6 millóns de euros -unha vez descontados xa do prezo de venda os 64,33 millóns de bonificacións-. E o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie desde 2016 é de 13 millóns de euros.
Así, o investimento directo estimado nas edificacións e instalacións ligadas á superficie que se adxudicou neste período ascende a 540 millóns de euros. E, grazas a el, a creación de postos de traballo que se calcula ascende a uns 5.400 empregos.