sábado. 23.11.2024

A Xunta vén de abrir convocatoria de subvencións para 2021 destinada a axudar a concellos, establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Tal e como se publica hoxe no DOG poderán optar tanto os concellos e as súas entidades instrumentais como os establecementos e servizos turísticos con titularidade física ou xurídica dados de alta no REAT que terán de prazo un mes para facer as súas solicitudes.

O orzamento destinado a esta liña de axudas é de 260.000 euros, dos que 230.000 euros destínanse aos titulares de establecementos e servizos turísticos e 30.000 euros aos concellos, dándoselle así continuidade á liña de axudas creada en 2020 para que concellos certificaran no sistema Q de Calidade turística praias, oficinas de turismo e espazos públicos senlleiros.

No marco desta convocatoria consideraranse gastos subvencionables os derivados das auditorías externas de certificación, seguimento ou renovación destas certificacións de calidade, así como os custes de dereitos de uso de marca. Trátase, ademais, dunha liña de axudas compatible con outras subvencións, xa que o obxectivo que se persegue é seguir impulsando, promovendo e apoiando as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os esixentes estándares fixados polo ICTE.

Estas actuacións teñen como última finalidade seguir facendo de Galicia un destino turístico de excelencia e asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible.

RÉCORD

Galicia pechou o ano pasado co maior número de Q de Calidade Turística acadados na súa historia, 328, o que nos situou como líder na metade dos sectores turísticos certificables e no segundo posto na clasificación nacional, só por detrás de Andalucía.

O noso territorio é, ademais, pioneiro na certificación de tres novas tipoloxías recollidas o ano pasado por vez primeira polo ICTE: o dos aloxamentos sostibles, o sector dos albergues turísticos e os espazos públicos senlleiros.
 

A Xunta destina 260.000 euros á liña de axudas para a renovación da Q de calidade...