A Xunta abre o prazo para solicitar axudas á creación escénica a compañías profesionais galegas por 800.000€

As axudas coinciden na véspera da conmemoración do Día Mundial do Teatro que o Goberno autonómico celebrará o sábado co sector nun acto no Salón Teatro.

A Xunta abre mañá o prazo dun mes para solicitar as axudas á creación escénica cun orzamento de 800.000 euros. A iniciativa, cuxa convocatoria publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade co fin de seguir protexendo o seu emprego e incentivar o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia.

Trátase dunhas axudas enmarcadas no Plan de Reactivación da Cultura, que desde o ano pasado inclúe diferentes convenios ou ordes de subvención que repercuten nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.

As bases manteñen a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención. Así, as axudas poderán ser solicitadas para os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Outra das modalidades é para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia. Neste caso, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.

Pola súa banda, á danza e artes do movemento destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.

As axudas inclúen tamén unha modalidade para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.

Todo isto, co obxectivo de apoiar é favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas e incrementar o público, así como consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos. Ademais, o seu lanzamento coincide na véspera da conmemoración do Día Mundial do Teatro que ten lugar o sábado e que a Xunta celebrará co propio sector nun acto no Salón Teatro.

VALORACIÓN

Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.

O pasado ano beneficiáronse da iniciativa 29 proxectos, cinco deles correspondentes á Modalidade 1, 16 á Modalidade 2, seis á Modalidade 3 e dous á Modalidade 4. Moitos destes espectáculos estreáronse recentemente a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa e coordina a Xunta de Galicia, tales como Strela do día, de Producións Teatráis Excéntricas; 32m2, de Butacazero; Soga e cinsa, de Aporía Escénica ou Drop, de Pistacatro Producións. Outros están na actualidade en representación neste circuíto, son os casos, por exemplo, de A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, ou Nina-Ninette, de Paula Quintas-CompañíaTraspediante.