A estación de autobuses intermodal de Vigo estará rematada a finais de marzo

conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou o avance destes traballos, cuxa execución se sitúa no 90%.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a estación de autobuses intermodal de Vigo estará rematada a finais de marzo, pero non entrará en servizo ata que o Concello acabe os accesos, que se prevé en maio.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou o avance destes traballos, cuxa execución se sitúa no 90%, unha porcentaxe de execución que é posible grazas ao traballo diario de arredor de 50 operarios.

Subliñou que a terminal e os accesos que executa da Xunta, cun investimento global de 18M€, permitirán albergar 2 millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobús, sendo o principal nó de viaxeiros do sur de Galicia.

Non obstante, puntualizou que por mor do retraso das actuacións do Concello, que aínda roldan o 65%, a estación intermodal non poderá entrar en funcionamento ata maio.

ESTACIÓN DE AUTOBUSES

En canto á estación de autobuses, a conselleira concretou que a Xunta aproveitou ao máximo o espazo dispoñible para construír esta terminal que ocupa máis de 6.700 m², constando dunha planta superior que alberga a plataforma que acollerá 30 dársenas, e dun andar inferior que inclúe o edificio de servizos ao viaxeiro.

A plataforma de dársenas sitúase á cota da praza da Estación e os andeis centrais van cubertos cunha marquesiña perimetral de máis de 2.200 m², que se desprega desde o patio central.

A día de hoxe, os traballos céntranse na colocación desta marquesiña, na que resta completar o revestimento; na execución do interior do edificio de viaxeiros; e no aglomerado na zona de saída da estación, no acceso e tamén no túnel de acceso a Vialia.

De modo máis detallado, a execución do edificio de viaxeiros supera o 50%, restando a tabiquería e a carpintería interior, o falso teito e remates de pavimento e equipamento; e a urbanización exterior acada o 80%.

Neste sentido, faltan os remates de pavimentos na zona peonil das dársenas, do túnel de Vialia e no viario de acceso desde a AP-9, así como os ascensores no edificio de viaxeiros e o axardinamento do patio interior e do illote de acceso á estación.

ACCESOS

Ethel Vázquez apuntou que a estación conta con dous accesos, un desde a praza da Estación, polo que chegará o 35% do tráfico, como os autobuses do Porriño, Redondela e Baiona. Este acceso poderá estar operativo cando se remate a terminal, dado que esta praza, que executa o Concello pero é cofinanciada pola Xunta, está acabada.

Sinalou que o segundo acceso, desde a AP-9, é parte dos traballos da Xunta, pero o entronque coa autoestrada, fundamental para a posta en servizo da estación, é a obra que está a executar o Concello. Por este acceso entrarán os autobuses procedentes da zona norte, que representan a maior parte do tráfico da estación, o 65% do total.

Explicou que a maquinaria das obras do Concello se cruza co que sería a saída da estación cara á AP-9, polo que non é viable poñela en servizo ata que o municipio remate os accesos.

Lembrou que esta situación foi advertida por técnicos da Xunta nas comisións de seguimento e incluso para evitalo se ofreceu restituír provisionalmente o tráfico de acceso á AP-9 pola obra da estación, reducindo o corte previsto polo Concello na execución dos accesos, aínda que non se tivo en conta.

Lamentou a actual realidade, é dicir, que a estación da Xunta estará rematada en marzo, pero polos retrasos das obras do Concello, non poderá dar servizo aos cidadáns ata maio.

AVE

Tamén salientou a preparación da cidade para o AVE que, polo momento, só chegou a Ourense. Precisou que para que os vigueses se beneficien dos tempos de viaxes comprometidos e competitivos, son precisos os trens AVRIL de rodadura desprazable.

Detallou que Vigo e toda a área sur de Galicia precisa dunha conexión con Ourense e Madrid realmente competitiva, polo que a Xunta vén insistindo ante o Ministerio de Transportes para que concrete os seus plans previstos para o AVE por Cerdedo.