A Comisión Europea selecciona o proxecto da AECT Eurorexión centrado en facilitar o emprego transfronteirizo

Foi un dos elixidos a través da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) e encádrase na área temática de emprego.

A Comisión Europea, a través do programa b-Solutions, xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), seleccionou un novo proxecto da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal na súa convocatoria correspondente a 2021. Nesta ocasión, o traballo centrarase en buscar fórmulas que eliminen os obstáculos ou simplifiquen simultanear o traballo a ambos lados da fronteira ou contratar dende un país a unha persoa para que teletraballe dende o outro lado da “raia”.

A fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal, a que concentra maior poboación entre España e Portugal, rexistra máis da metade da mobilidade dos fluxos transfronteirizos de persoas e vehículos. Sendo o espazo máis dinámico en termos económicos, sociais e culturais de toda a fronteira entre os dous Estados, é tamén a área que ten maior actividade económica e a de máis traballadores transfronteirizos. Moitos trámites sinxelos no emprego constitúen un grande problema burocrático ao cruzar a fronteira. Neste sentido, co proxecto presentado pola AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, preténdese eliminar obstáculos ou simplificar procedementos que se teñen identificado como problemáticos para traballadores e empresarios.

PROCEDEMENTOS E REALIDADES

A crecente interconexión socioeconómica que se está a acadar no territorio da fronteira galego-portuguesa, e a irrupción do teletraballo, que a pandemia da COVID-19 acelerou de maneira significativa, fan necesaria unha adaptación e simplificación dos procedementos de contratación existentes en España e Portugal.

Nun momento en que a gravidade da situación derivada da COVID-19 fai necesario aumentar a cohesión territorial da Eurorrexión, resulta fundamental incentivar procesos de modernización da relación entre as administracións e os cidadáns para asegurar unha resposta áxil ás súas necesidades e promover a recuperación socioeconómica, especialmente nas áreas fronteirizas.

Esta necesidade pódese reflexar perfectamente nos obstáculos identificados neste proxecto: tanto no caso dos contratos nos que simultanea o traballo nos dous países coma no que se refire a contratación de persoas para teletraballar dende o outro lado da fronteira, os trámites son pouco coñecidos polas empresas, implican moita burocracia e son diferentes segundo sexan realizados en España ou en Portugal.

TRABALLO CONSTRUCTIVO

A eliminación dos obstáculos e a simplificación dos trámites, permitirá mellorar a actividade económica no territorio mediante a cooperación transfronteiriza e facilitará a vida dos traballadores transfronteirizos. Permitirá tamén tornar máis atraente o traballo transfronteirizo, minorando os seus obstáculos para ser visto como unha oportunidade para crecer profesionalmente. Igualmente, se a conclusión deste proxecto resulta positiva, poderanse beneficiar outras zonas fronteirizas na península que están experimentando este obstáculo.

Todo o anterior está en liña con moitos dos obxectivos de futuro que se ten marcado a Unión Europea para o período 2021-2027, reflectidos, a súa vez no próximo Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (2021-2027). Búscase así, dende a AECT, avanzar de maneira construtiva no apoio a unha Eurorrexión máis conectada e dixitalizada, promovendo e facilitando o traballo das diferentes Administracións na procura dunha mellor calidade de vida nas áreas de fronteira.

B-SOLUTIONS

O Programa B-solutions, promovido pola Comisión Europea, co apoio da ARFE, e ten como obxectivos principais identificar e promover a resolución de obstáculos fronteirizos de carácter xurídico e/ou administrativo que afectan directamente á poboación fronteiriza, ao longo de tódalas fronteiras internas da UE.

A convocatoria 2021 destinouse a proporcionar, aos beneficiarios seleccionados, apoio de especialistas legais nunha das seguintes áreas temáticas prioritarias: emprego; saúde; transporte público de pasaxeiros; multilingüismo; cooperación institucional; servizos de información; administración electrónica e datos e evidencias. Cada unha destas áreas temáticas ten como obxectivo analizar obstáculos concretos nunha fronteira específica. Estes especialistas proporcionarán apoio para definir o obstáculo de forma clara e identificar tanto a solución como o marco legal dende o cal proceder.