84 millóns para manter o emprego autónomo
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o apoio do Goberno galego ás persoas traballadoras autónomas a través do Plan de rescate que, cun investimento de 84 millóns de euros, prevé beneficiar a máis de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas. Lorenzana ratificou a aposta da Xunta por este colectivo no encontro que mantivo coa Fundación Ronsel. En concreto, participou por videoconferencia en Santiago de Compostela nunha das sesións do proxecto de mentoring que desenvolve a entidade en colaboración coa Administración autonómica.
Lorenzana apuntou que as persoas traballadoras autónomas son “o motor económico de Galicia” e unha “peza clave” da economía galega. Por iso, engadiu que a Xunta está ao seu carón co obxectivo de que poidan recuperar a senda do crecemento o máis axiña posible. Así, trasladou aos participantes a vontade da Administración autonómica de seguir acompañándoos con medidas que lles permitan afrontar o seu día a día e mellorar a competitividade dos seus negocios.
O Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalería caracterízase pola accesibilidade dos seus requisitos e a axilidade á hora de tramitar ás axudas, xa que en cuestión dun mes os primeiros solicitantes xa estarán cobrando o apoio económico para contribuír ao mantemento da súa actividade empresarial. Inclúe tres liñas de apoios diferentes: para autónomos, con e sen persoal ao seu cargo, para microempresas e autónomos con persoal a cargo e para os establecementos hostaleiros afectados polos peches. Así, un autónomo hostaleiro poderá acceder a apoios de entre 6.700 e 9.200 euros. O primeiro dos programas xa está publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e prevese activar os dous restantes nos próximos días.
A conselleira agradeceu á Fundación Ronsel o labor realizado durante os seus 20 anos de traxectoria axudando a mellorar a empregabilidade das persoas a través de servizos de orientación laboral, intermediación, formación ocupacional e de asesoramento a emprendedores. Neste sentido, puxo en valor o proxecto de mentoring que se está celebrando con máis de 220 autónomos co obxectivo de consolidar os negocios dos participantes e ofrecer pautas sobre como reorientalos e melloralos.