600 proxectos para a dinamización do agro

ARQUIVO.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de recibir máis de 600 proxectos a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia para as axudas enmarcadas no Plan Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Estas achegas, destinadas ao desenvolvemento de proxectos que dinamicen o agro, contan cun orzamento total de 13 millóns de euros para as anualidades 2021-2022.

O pasado 3 de maio, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria de subvencións para a execución de proxectos da medida Leader, que pechou finalmente o 3 de xuño cunha gran resposta por parte da cidadanía. Así, máis de 600 foron as solicitudes nas que se propuxeron proxectos tanto con fins lucrativos como proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. Estes últimos contan con propostas tanto por parte do sector privado como público, con concellos que buscan a mellora dos servicios públicos do rural.

Nesa liña, cabe engadir que case o 60% foron produtivos e o 40% non produtivos, pertencendo máis de 150 propostas aos concellos.
Neste senso, o traballo do persoal dos GDR foi fundamental na tramitación de cada unha das solicitudes, acompañando, informando e asesorando tanto aos promotores individuais como ás entidades públicas e privadas.

Nas vindeiras semanas os técnicos de Agader, en conxunto cos técnicos dos distintos GDR de Galicia, procederán á análise e resolución das propostas formuladas en función dos obxectivos de cada un dos territorios. Estas subvencións do Plan Leader son posibles gracias á confinanciación nun 75% do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% da Administración xeral do Estado e nun 22,5% da Xunta.

A medida Leader ten como obxectivo mellorar as condicións do rural creando e mantendo emprego e dotando de servizos á poboacións destas zonas. Unha iniciativa que pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos como as mulleres, as persoas con discapacidade, as persoas maiores e os mozos e mozas do noso territorio.