"As augas sulfuradas facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”, afirma a directora médico do Balneario de Lugo
A directora
médico do Balneario de Lugo, Ascensión
Sánchez, salienta “o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater
procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e
descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a
rixidez e combaten a dor”. Empréganse en particular para tratar todo tipo de
reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de
columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con
ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de
traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.
A doutora sinala
que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na
que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse
tratamentos personalizados, baseados en chorros termais, duchas circulares e
baños -tanto en bañeira como en
piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineromedicinais
como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante
exercicios en seco ou en piscina-.
Segundo
explica a doutora, “a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os
resultados son moi satisfactorios”. Así, asegura que máis do 70% dos pacientes
logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na
súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en
particular analxésicos e antiinflamatarios.
A doutora
lembra que a doenza reumatolóxica máis común en persoas da terceira idade é a
artrose. Pola súa parte, os pacientes de idade media acoden ao balneario con
problemas musculares, na súa maioría con lumbalxia ou cervicalxia, provocados
sobre todo polo estilo de vida ou debido a unha mala postura no traballo.