XI Open Tenis Vila do Corpus
Ponteareas prepárase xa para o XI Open Tenis Vila do Corpus, organizado polo Club Tenis Ponteareas coa colaboración do Concello de Ponteareas e que se disputará do 24 de xuño ao 4 de xullo nas pistas da Freixa. Trátase dun torneo xa consolidado no calendario de competicións a nivel galego que regresa de novo ás pistas tras o parón obrigatorio de 2020 por mor da COVID-19 e que, como en edicións anteriores, disputará as categorías Infantil, Cadete, Absoluto Masculino e Feminino e Veteranos +35 e +45 Masculino. A organización suma ademais este ano dúas novas categorías: Benxamín e Alevín, para menores de ente 8 e 11 anos.
Arredor dun cento de tenistas achegaranse ata a Freixa para participar neste torneo “no que destaca a alta participación feminina coa que conta habitualmente”, salientou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. “Dende o Concello queremos agradecer ao club o esforzo por retomar a actividade de competición nun momento aínda complicado, pero tamén ás familias polo importante papel que xogan para que o club e a práctica deportiva do tenis continúen”, resaltou.
Os campións e subcampións de cada categoría recibirán os seus trofeos, aos que se lle sumará un premio en metálico de 2.000 euros a repartir entre os gañadores das categorías Absoluto Masculino e Feminino. “Para nós é moi importante volver celebrar de novo este torneo no que contaremos cunha participación similar á de hai dous anos, xa que os premios en metálico e o bo trato que se lle da a todas e todos os participantes convértense no mellor reclamo para que os e as tenistas repitan”, destacou o presidente do Club Tenis Ponteareas, Manuel Regueira, quen agradeceu tamén o apio dos patrocinadores que estiveron a carón do club de novo.
As persoas interesadas en competir neste torneo xa poden inscribirse a través da plataforma de Ibertenis. O prazo de inscrición remata o vindeiro 20 de xuño.
A competición celebrarase sen público e con todas as medidas e protocolos de prevención.