Xes Argüelles, subcampión no Campionato de España de Arco Recurvo e Arco Composto en Sala
Esta tarde celebrouse a recepción do deportista do mosense Club Tiro Con Arco Archers Team, Xes Argüelles Presa (15 anos), subcampión de España no campionato celebrado os pasados 19 e 20 de febreiro en Marina D'Or.
A recepción tivo lugar no salón de sesións do Concello de Mos ás 18.00 horas contando coa presenza do homenaxeado, Xes Argüelles Presa, Luis Argüelles Pérez, pai do deportista e presidente do clube Archers Team, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, o concelleiro de Deportes de Mos, José Areal e demais membros do equipo de goberno e da Corporación Municipal.
Xes proclamouse Subcampión no Campionato de España de Arco Recurvo e Arco Composto en Sala. Obtendo a medalla de prata na modalidade de arco composto Categoría Sub-18.
En 2020 Xes Argüelles xa se erixira Campión de España nesta mesma modalidade pero en Categoría Sub-14. Este ano logrou tamén outro segundo posto no Trofeo Federación de Sala e quedou finalista do Campionato Internacional celebrado en Asturias (Arco Nalón Shoot, onde foi o Finalista máis xoven) o pasado mes de novembro, pero nesa ocasión competiu contra adultos na modalidade Vegas, xa que nesa competición todas as categorías de idade compiten xuntas.
Argüelles Presa leva competindo desde os 8 anos e a paixón polo tiro con arco vénlle de familia, lévao nos xenes por así dicilo, xa que os seus pais compiten ambos tamén na modalidade de arco composto.
Os seus próximos obxectivos son a Liga Nacional de Cadetes e o sistema de clasificación para o Campionato de Europa que se celebrará este verán no Reino Unido, para o que ten moitas opcións de clasificarse.
O Club mosense Archers Team, con sede no Pavillón Pena de Francia, conta actualmente con 13 deportistas, todos adultos de 40 anos de idade en diante, agás Xes, que é o único mozo.
As datas e horarios de adestramento son os luns de 19:05 a 21:55h. e mércores de 20:05 a 21:55h. e tamén os sábados e domingos.