Trofeo Festas de Setembro–Gran Premio Borja Gómez Méndez

O Trofeo Festas de Setembro – Gran Premio Borja Gómez Méndez estrea carreira inclusiva na súa segunda edición.
Ponteareas vivirá este domingo 11 unha intensa xornada de ciclismo polo centro urbano na que participarán un elevado número de deportistas.

Ponteareas prepárase para unhas festas con moito lecer, espectáculo e, por suposto, deporte. Este domingo 11 de setembro as rúas do centro urbano da vila acollerán a segunda edición do Trofeo Festas de Setembro – Gran Premio Borja Gómez Méndez, que este ano chega con novidades baixo o brazo: a celebración dunha carreira inclusiva. Será esta proba, na que participará o propio Borja Gómez Méndez, a que dará o pistoletazo de saída á xornada deportiva.

“Para nós é un orgullo acoller unha proba deste calado, que nos permite transmitir unha mensaxe clara ás e aos deportistas: se traballamos xuntos e xuntas pódese eliminar calquera tipo de barreira e facer que realmente o deporte sexa para todos e todas”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O trofeo encherá as rúas do centro da vila dende as 10.00 horas. Tras a carreira inclusiva disputarase a competición junior xunto coas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís e cadetes, tanto femininas como masculinas.

O edil convida a toda a veciñanza a gozar dunha xornada de ciclismo, unha disciplina tan importante para a vila ponteareá, e agradece ao Club Ciclista Ponteareas a súa implicación e traballo para levar a cabo este Gran Premio e para impulsar o deporte no concello, “inculcando a nenas e nenos valores de esforzo, paixón e superación dende hai tanto anos”.