Tres pódiums ao Porriño da man de Laura, Aroa e Moisés
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado por membros do goberno municipal, recibiron hoxe na Casa Consistorial a tres porriñeses que destacan no mundo deportivo. Trátase dos ciclistas Laura Mira, Aroa Otero e Moisés Leboso, que veñen de facer pódium nas súas respectivas categorías no Campionato de España de Ciclocross.
A localidade valenciana de Xátiva acolleu, do 7 ao 9 de xaneiro, a gran cita do calendario nacional de Ciclocross na que se deron cita os mellores ciclistas da disciplina. A comitiva galega conseguiu dez pódiums e deles, tres viñeron ao Porriño da man de Laura, Aroa e Moisés.
Laura Mira subiu ao podio por terceiro ano consecutivo. Gañadora cadete no 2020 en Pontevedra, a porriñesa repetiu en Xátiva a prata junior acadada o ano anterior en Torrelavega. Laura practica o ciclismo dende pequena e competindo cinco anos en mountain bike, fai tres anos probou sorte en ciclocross e ese ano conseguiu o campeonato de España e os dous seguintes foi Subcampioa. Tal e como contou, aspira a seguir traballando e “sobre todo a seguir disfrutando”.
Outro dos éxitos selados polos porriñeses foi o título de Subcampiona de España en categoría cadete da man de Aroa Otero. A ciclista porriñesa leva cinco anos competindo e o deste ano é o seu segundo Campionato de España que disputa na modalidade de ciclocross. Se ben é o seu primeiro título nacional o seu palmarés inclúe varios subcampionatos galegos. Ao igual que a súa compañeira a súa vista está posta en seguir crecendo e disfrutar do deporte que lle apaixoa.
O trío gañador o completa un veterano, Moisés Leboso, que se fixo co bronce en máster 40-B. “O meu único obxectivo agora mesmo é pásalo ben”, confesa Leboso, “Deixei de competir en categoría élite fai xa 17 anos e agora, estas categorías que permiten competir mentres disfrutas do teu deporte son é unha motivación máis e un aliciente para seguir”.
Alejandro Lorenzo felicitou en nome do Concello do Porriño aos tres ciclistas e amosoulle o seu total apoio e o do seu pobo. “Este é un pobo de ciclistas e os vosos logros son os de todos os porriñeses e porriñesas”, concluiu o alcalde, “Só podo decirvos que contades co noso respaldo para o que necesitedes e que non perdades nunca as ganas de seguir crecendo e disfrutando ao máximo do que facedes”.
Durante a visita, os deportistas estiveron acompañados pola adestradora de Laura e Aroa, Ana Portela do equipo GD Supermercados Froiz e o que foi o seu adestrador de base, Abel Maceira, do AVANZA, club que, tal e como referiu o rexedor “fai unha enorme labor no ciclismo de base do Porriño.