Primeiro “Galicia Pádel Máster” en Pontevedra co apoio da Deputación
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou a posicionamento da provincia como a “casa do deporte” na presentación dun novo evento deportivo que terá lugar en Pontevedra entre o 24 e o 30 de xuño: o “Galicia Pádel Máster”, a primeira edición dun campionato incluído no circuíto internacional A1 Pádel que fará da capital da provincia a capital deste deporte en Galicia. O éxito da proba está asegurado porque “Pontevedra, Galicia e o Pádel A1 son sinónimo de excelencia e calidade”, augurou o mandatario provincial
A competición celebrarase ao longo da derradeira semana de xuño e terá no Pavillón Municipal de Pontevedra o seu centro de operacións coa instalación da pista central. De xeito paralelo, no recinto feiral, instalaranse outras tres pistas que acollerán un segundo torneo de categoría amateur. Ademais, o primeiro Galicia Pádel Másters traerá á Pontevedra aos mellores xogadores do mundo do A1Pádel. “Pontevedra vai competir con cidades como Nova York, Montecarlo ou Cidade do Cabo”, afirmou Fabrice Pastor, presidente de A1Pádel.
Acompañado pola vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez; o titular do goberno provincial remarcou a aposta da Deputación polo deporte co apoio a un evento pioneiro e a ampliación da longa lista de disciplinas deportivas que elixen a provincia de Pontevedra para organizar competicións de ámbito nacional ou internacional. “Os que proban Pontevedra por primeira vez, repiten”, adiantou Luis López, convencido de que a proba será todo un éxito e que no futuro haberá máis edicións.
Neste sentido, o presidente da Deputación amosou a súa satisfacción por acoller un evento destas características. “No pádel cada vez hai máis deportistas e no A1 xa estades nun nivel de excelencia”, sinalou López satisfeito pola repercusión global e o fortalecemento do liderado da provincia como destino turístico ligado ao deporte. Dun xeito similar pronunciouse a vicepresidenta Luisa Sánchez ao afirmar que “a Deputación quere estar en todo o que supoña promocionar a nosa provincia e o deporte é un eixo estratéxico”.
Acoller esta primeira competición de pádel supón un paso adiante na aposta estratéxica da Deputación polo deporte. “Queremos vincular turismo e deporte para que moita xente descubra que ese destino que está de moda que é Galicia”, subliñou Luis López, quen recordou o apoio a outros eventos recentes como os partidos das seleccións absolutas de balonmán, con partidos no Porriño e en Lalín, o paso de La Vuelta a España pola provincia, o partido da Selección Española feminina de fútbol ou a final das World Series de Tríatlon en Pontevedra. “O pádel vai ser unha experiencia 100 % Rías Baixas”, concluíu o presidente
PÁDEL, CHARLAS E CONCERTOS
O programa desta primeira edición do Galicia Pádel Másters inclúe, ademais dun campionato profesional internacional e outro para xogadores afeccionados, unha ampla lista de actividades paralelas. Haberá ponencias de Toni nadal, Almudena Cid e un monólogo do cómico Jorge Cremades. Ademais, está previsto o concerto de Celtas Cortos, La Frontera e La Guardia, así como exposicións de marcas e zona de food trucks.