Ponteareas será meta volante do Gran Camiño

Ponteareas será meta volante do Gran Camiño, a primeira volta ciclista profesional que se celebrará en Galicia dúas décadas despois da última edición profesional da Volta a Galicia. Trátase dun evento de enormes dimensións nas que equipos de todo o mundo volverán ás estradas galegas cunha rolda propia con inicio e fin na comunidade e que percorrerá en catro etapas as catro provincias, máis de 500 quilómetros a través de 45 municipios distintos.

A cita pasará por Ponteareas o vindeiro 24 de febreiro, durante a etapa inaugural, un percorrido de 163 quilómetros con saída no Porriño e meta en Vigo. “Para nós é un orgullo e unha ledicia poder ser meta volante desta proba. Unha vila como a nosa, berce do ciclismo, tiña que estar presente dalgún modo nesta cita histórica que permitirá recuperar as carreiras profesionais en Galicia”, salienta o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

A volta durará catro días, nos que os ciclistas percorrerán a diversa orografía das catro provincias para ofrecer espectáculo, valores deportivos e difusión turística conformando un camiño simbólico e único. “Poder gozar dunha volta profesional galega contribuirá a garantir o futuro do ciclismo, xa que non só ofrece unha experiencia única a todas as persoas participantes, senón que tamén permitirá aos novos deportistas contar con referentes próximos e axudará a potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte e actividade ao aire libre”, recalcou o edil.