Os nadadores ponteareáns Iria Lemos, Pablo Cabana, Andrea Domínguez e Naroa Estévez destacaron no Campionato Galego de Augas Abertas

Moi bos resultados do Club Natación Ponteareas tras o seu paso pola quinta edición do Campionato Galego de Augas Abertas celebrado a pasada fin de semana en Castrelo de Miño, a derradeira proba do circuíto galego exprés.

Entre os méritos máis salientables acadados polos nadadores e nadadoras club do Condado destacaron os de Iria Lemos, campioa galega infantil; de Pablo Cabana, campión galego Junior-1; e de Andrea Domínguez, campioa galega Júnior-2, todos eles en 5000 metros. Pola súa banda, Naroa Estévez conseguiu bronce na categoría alevín tras cubrir o percorrido de 1250 metros.

Na categoría Máster os nadadores e nadadoras do CNPonteareas acadaron tamén numerosos podios nas diferentes franxas de idade logo de nadar os 2500 metros.

Xa por equipos, a nivel absoluto o Club Natación Ponteareas acadou o primeiro posto feminino e en conxunto, mentres que na categoría Máster acadaron a primeira posición masculina, feminina e conxunta.

O club remata a tempada de augas abertas cuns magníficos resultados, que animan aos equipos a continuar cos adestramentos de pretempada coa mirada posta no comezo da competición 21-22 en piscina.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, traslada en nome de todo o goberno local os parabéns a todo o equipo do club polos bos resultados acadados tanto neste campionato como en toda a tempada deportiva. “Moitas grazas a todas e todos polo esforzo que realizan cada ano e ao club polo traballo que está a desenvolver na formación de novos valores deportivos”, salienta.