O Gran Camiño 2023
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na presentación do Gran Camiño 2023, proba ciclista do calendario UCI Europa que terá lugar na nosa comunidade do 23 ao 26 de febreiro.
O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia dos fitos galegos no ciclismo como o Tour de Francia de Óscar Pereiro, o equipo profesional Xacobeo Galicia que competiu de 2006 a 2010, as etapas galegas de La Vuelta a España nos últimos dez anos, o equipo feminino con licencia profesional Team Farto e o regreso, en 2022, dunha volta ciclista galega profesional que xa vai pola súa segunda edición. Neste sentido, incidiu en que o deporte axuda a consolidar hábitos saudables nas persoas como demostra o Barómetro da Bicicleta en España 2022 que reflicte un crecemento do 40% das persoas usuarias da bicicleta que no caso das mulleres xa chega ao 50% das mesmas. Lete Lasa engadiu que as licenzas da Federación Galega de ciclismo multiplicáronse por catro desde 2009.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a realización de probas deportivas internacionais, onde dan a coñecer tanto as paisaxes da nosa terra como a calidade da orografía, algo que permite impulsar o destino Galicia e seguir amosando aos turistas as bondades da nosa terra.
As catro etapas do Gran Camiño 2023 no que participarán os mellores ciclistas do mundo, unirán Lugo e Sarria; Tui e A Guarda (Mirador de Santa Trega); Esgos-Rubiá; para rematar na contrarreloxo individual dende o Milladoiro á Praza do Obradoiro de Santiago.