A mosense Soledad Castro recibe a Distinción ao Mérito Deportivo da Xunta
Mos estará representado mañá en Santiago pola gran atleta mosense, Soledad Castro Soliño, no acto de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia.
A Xunta entregará 106 condecoracións durante unha gala de recoñecemento ao deporte galego, con presenza do seu presidente, Alfonso Rueda, que será o encargado de entregar as Distincións ao Mérito Deportivo 2022 a partir das 18.00 horas da tarde en Santiago de Compostela.
Soledad Castro é Medalla ao Mérito Deportivo do Concello de Mos e conta cun Pavillón Municipal co seu nome, o Pavillón Soledad Castro (antes Pena de Francia).
A mosense, da parroquia de Dornelas, segue en activo con 25 Nacionais de Cross no seu haber representando a Galicia. Competiu no seu primeiro Nacional de Cross o 10 de marzo de 1985 en Fene e disputou o último o pasado 30 de xaneiro en Jaén. Corre co equipo Comesaña Sporting Club.
En febreiro deste ano lograba erixirse subcampioa de Europa de Campo a Través, acadando a medalla de prata a tan só un segundo da gañadora. No Europeo de Cross en Categoría W55, Soledad Castro fixo un tempo de 28:02 logrando o 2º posto na categoría Master de maiores de 55, a tan só 1 segundo da gañadora: a británica Susana Ridley. Nesta competición, que se disputou en Braga o domingo 20 de febreiro, España logrou o ouro por equipos, con Castro formando parte do equipo español.
Sobre ela a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, orgullosa deste recoñecemento autonómico á insigne mosense, declara que “leva toda unha vida, persoal e deportiva, demostrando que é un verdadeiro exemplo de muller loitadora e incombustible, cun afán de autosuperación que moi poucas persoas teñen”.
A rexedora local destacou ademáis sobre esta distinción da Xunta a Sole Castro que “desde o Concello de Mos celebramos de corazón e con orgullo mosense a condecoración a Sole por parte da Xunta de Galicia”.
“Mos é terra de grandes deportistas e Soledad Castro é unha das súas máximas representantes”, concluíu Arévalo.