Internacional de Tenis Mesa Concello do Porriño
Este sábado comeza no polideportivo municipal o II Torneo internacional de Tenis Mesa Concello do Porriño con máis de 200 tenistas de mesa en acción chegados de diferentes puntos da xeografía española e portuguesa.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe o acto de presentación do torneo, que contou coa presencia do Vicepresidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, Enrique Barreiro, o presidente do club Tenis de Mesa CRC, Juan Celeiro, o directivo do Club, Hector Díaz, a representante da directiva do Círculo Recreativo Cultural, Nuria Maquieira, o patrocinador Fernando Godoy, do Grupo Godoy Maceira, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez.
O presidente do club organizador, Juan Celeiro, explicou que o torneo arrancará ás 10 h do sábado, día no que se disputarán todas as categorías desde a pre-benxamín ata veteranos +60. O domingo, á mesma hora, comezará a última xornada, a correspondente á categoría absoluta.
“O obxectivo é conseguir que sexan dous días de festa para o noso deporte e por iso queremos facer partícipes á maior cantidade posible de xogadores e afeccionados”, apuntou Celeiro, “Animamos a todo o mundo a achegarse e descubrir como é o noso deporte, que é un pouco descoñecido pero moito máis divertido e espectacular do que a xente imaxina”.
Pola súa banda, o Vicepresidente da FGTM, Enrique Barreiro, puxo en valor ao club organizador. “Para celebrar eventos desta magnitude fan falta tres cousas: vontade, que ao Tenis Mesa CRC lle sobra; capital humano, que no Porriño haino, e apoio institucional, que aquí tamén o hai e de maneira importante”, apuntou, “E aquí pasa unha cousa que nunca vira, é é que normalmente comezase de maneira modesta para ir crecendo, e no Porriño, apostouse desde o primeiro momento por facelo ben e organizar un torneo á altura dos mellores que hai en Galicia”.
O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, reiterou os parabéns ao club e o apoio incondicional do Concello do Porriño. No mesmo sentido se expresou o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacando o traballo do club Tenis Mesa CRC para “dar a coñecer entre a veciñanza do Porriño un deporte que aínda que todos sabemos del é pouco coñecido. Proba diso é que cada vez son máis as fichas no club e máis porriñeses e porriñesas que o practican e por iso, conta con todo o apoio do Concello para calquera iniciativa que impulsen”.