Intenso fin de semana de tecnificación para o atletismo galego co Plan Galego de Tecnificación Deportiva 2025
A fin de semana do sábado 5 e domingo 6 de abril foi protagonista dunha intensa actividade co desenvolvemento de varias xornadas técnicas enmarcadas no Plan Galego de Tecnificación Deportiva 2025.
Un total de catro sectores do atletismo base galego participaron nestas xornadas, congregando a un centenar de atletas xuvenís que, polos seus destacados rexistros e resultados, se sitúan na vangarda das súas respectivas disciplinas.
O sábado, o módulo cuberto de Ribeira acolleu a máis de trinta atletas na sesión técnica de saltos, que contou coa presenza de luxosos convidados: a recente campioa de Europa e medallista de bronce mundial, Ana Peleteiro, e o seu adestrador, Benjamín Campaoré. Peleteiro compartiu a súa experiencia e coñecementos cos mozos atletas, nunha xornada que combinou partes prácticas con charlas teóricas, moi ben aproveitadas polo grupo de saltos e probas combinadas, liderado polos técnicos Verónica Cores e David Gómez. O concelleiro de Deportes de Ribeira, Xabier Vidal, e Vicente Sánchez, da Federación Galega de Atletismo (FGA), tamén estiveron presentes.
Paralelamente, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, e nun día soleado, o grupo de tecnificación de lanzamentos viviu unha proveitosa xornada técnica dirixida polo responsable do sector, Frank Casañas. O atleta olímpico estivo acompañado polos técnicos Gustavo Dacal, a cargo do grupo de xavelina; José Manuel Hermida, responsable do grupo de martelo; e Manuel López Castaño, que traballou co grupo de peso.
Finalmente, o domingo pechou estas xornadas o sector de valos. O responsable do mesmo, Vicente Veiga, xunto con Ignacio Castro, Santi Ferrer e Ismael Costas, mantivo nas pistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) unha xornada de traballo e seguimento cos atletas seleccionados e os seus respectivos adestradores, que se prolongou desde as 11:00 ata as 19:30 horas.
Importancia e continuidade das xornadas
Dende a Dirección Técnica da Federación Galega de Atletismo (FGA) valórase moi positivamente a realización destas xornadas, que teñen como obxectivo principal realizar un seguimento dos novos talentos do atletismo galego e compartir impresións e criterios técnicos cos seus adestradores.
Ao longo do ano, a FGA continuará organizando máis sesións técnicas que tamén servirán para definir a composición das distintas categorías da Selección Galega de cara aos seus próximos compromisos deportivos.