Eurocidade BTT volverá reunir aos afeccionados de Galicia e Portugal
Este domingo regresa a IX Eurocidade BTT, proba ciclista de montaña non competitiva, que tras dous anos de parón debido á pandemia volverá reunir aos afeccionados da BTT de Galicia e Portugal nun evento entre dous países.
A proba foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui en funcións e concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, e o representantes da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez.
A Eurocidade BTT está organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Ciclismo, e subvencionada polo programa operativo Interreg.
A saída será o domingo ás 9 h dende as instalacións da piscina de Valença, onde se reunirán os 1.160 inscritos. Por diante terán 43 quilómetros para os que realicen a proba curta, e 70 quilómetros para os que opten pola distancia máis longa. A chegada estará situada fronte á Cámara de Valença na Fortaleza valenciana.
O alcalde en funcións e concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, salientou esta mañá na presentación coma a inscrición acadada é o reflexo de que “as cousas se están facendo moi ben”. Referíase Rafael Estévez ao auxe que está a experimentar o turismo deportivo xa que xunto aos participantes virán tamén familia ou amigos que aproveitarán para realizar a andaina que conducirá o club AndaTui Rego da Pedra ou para coñecer a Eurocidade Tui-Valença, facer compras ou gozar da gastronomía. Lembraba amais que a BTT é a primeira das 19 probas deportivas da Eurocidade Tui-Valença previstas para este ano.
O vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, salientaba que a esta proba “é das de maior participación e das máis agardadas” do calendario da Eurocidade. Óscar Sánchez, da Federación Galega de Ciclismo, felicitou á organización polo “traballo extraordinario realizado”.
Eduardo Fernández, presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, explicou de xeito pormenorizado o percorrido que será "igual de duro que de precioso”, e para o que hai que ter “unhas mínimas condicións físicas”. Sinalaba que por seguridade e calidade estableceron o límite de inscrición nas 1.200 persoas porque a ruta a realizar é de “BTT puro”. Tras a saída os ciclistas dirixiranse cara as parroquias tudenses de Malvas e Pexegueiro, cunha “ruta espectacular de 3 quilómetros á beira do río Furnia” para ter o primeiro punto de avituallamento no quilómetro 18 na igrexa de San Mamede en Malvas, e subir ao cumio do Aloia cunhas vistas espectaculares do Val Miñor e das Cíes. Tras un segundo avituallamento os participantes iniciarán o descenso, para o que recomendaba “precaución e que disfruten das trialeiras”. Xa no centro urbano dende a praza de San Fernando, onde está situada a Catedral, baixarán por escaleiras até o Paseo Fluvial, dende onde chegarán a vella Ponte Internacional. Aquí ás 12.30 h establecerase o corte para poder continuar coa ruta longa. Aqueles que completen os primeiros 41 quilómetros en tempo poderán subir até o Monte Faro, novamente con espectaculares vistas, e baixar por sendeiros até a Fortaleza de Valença, onde os primeiros poderán estar entre ás 12.30 h e ás 12.45 h.