Doce medallas estatais na fin de semana para Galicia na pista cuberta e no campo a través
Para comezar no Campionato de España de Pista Cuberta Sub20 de Antequera, lográronse un total de oito medallas, oito postos de finalistas e tres récords galegos.
O título de campioa de España veu da man dunha das nosas máis importantes promesas no lanzamento de peso. Xiana Lago do Ría Ferrol nunha excelente proba lograba impoñerse no concurso grazas ao seu segundo intento onde chegaba ata os 12.05 m.
Continuando cos saltos, Alba Cuns colleitaba o subcampionato nacional nun concurso de triplo de moito nivel no que a gañadora sobrepasaba os 13 metros e onde a de Negreira chagaba ata os 12.82. No mesmo foso o bronce viaxaba de igual modo ata o noroeste xa que a tamén galega Diaou Diallo do Ría Ferrol, recen saída deunha lesión, amosaba novamente a súa gran calidade chegando ata os 12.80 m.
Lucía Sanchez del Valle repetía a medalla de prata que lograba o ano pasado sendo Sub18. Nesta ocasión debutando nesta nova categoría conseguía unha puntuación total en pentathlon de 3.744 que ademáis supoñen un novo récord galego Sub20.
Nas carreiras Hugo Vázquez do Marineda refrendaba o seu excelente estado de forma sobre os valos volvendo a lograr na final unha nova plusmarca autonómica con 7.84 que ademáis servían para que o coruñés colgara a prata do nacional. Mesmo metal nos 3.000 m. para a ourensá Antía Castro do Ourense Atletismo quen logra o seu mellor resultado ata o momento acadando unha MMP de 9:50.33
Excelentes actuacións dos nosos representantes sobre os 400 m. xa que tanto María Fernández Bouza con 55.90 como Jorge Román Leiros con 48.50 (récord galego) lograban subirse ao podio para recoller a medalla de bronce e confirmar as boas prespectivas desta distancia
Con respecto ao resto de participantes destacamos as excelentes actuacións de Antón Martínez da Atlética Lucense quen remataba no cuarto lugar nos 3.000 m. con 8:32.87; 5º Hugo García do Real Club Celta nos 1.500 m. con 4:09.93; 5º Erik Fernández do Super Amara-Bat nos 200 m. con 22.50; 5º David Vicente do Playas de Castellón nos 60 valos con 8.11; 5º Samuel Lema do At. Negreira en Peso con 14.72 m.; 7º Tomás López do C.A.Sada en pértega con 4.32 m. e dos participantes en Heptathlon Aitor Fernández do Atletismo Narón e Mateo Aller do C.A. Santiago quinto e sétimo con 4.504 puntos e 4.330 p. respectivamente
Campionato de España de Campo a través Sub16 e Sub18
Se na pista cuberta os nosos e nosas atletas encaixaron un extraordinario campionato, non menos notorio foi o balance da nosa selección no Campionato de España de Campo a través de Getafe na que logramos un total de tres medallas e catro postos de finalistas.
Novamente Xela Martínez nunha auténtica demostración de calidade, lograba o título de campioa de España no individual na categoría Sub18 quitando preto de medio minuto á segunda clasificada. Por equipos finalmente o combinado galego remataba no posto décimo primeiro da clasificación xeral.
A segunda medalla para os nosos chegaba da man de Teo de Frutos que lograba a terceira posición na categoría masculina Sub16. Xunto ao lucense entraban en postos de honra, Lucas García no 4º; Asheber Díaz no 7º; Damián Suárez no 8º, así como Alex Sierpes e Iker Fernández de 15º e 30º respectivamente. Todo elo facía que a nosa Selección Sub16 masculina lograra un extraordinario subcampionato nacional a tan só un punto do título.
No resto de actuacións, a Selección Sub16 feminino lograba a décima posición no que a mellor atleta foi Amparo Corredoira que entraba no posto trixésimo primeiro. Por último, sexta posición para a Selección Sub18 masculina con Sergio Quintas como mellor galego na sétima posición.
Campionato de España Máster de campo a Través
Por último ata Cordoba tiveron que desprazarse os oito galegos e galegas que tomaron parte no Campionato de España de campo a través máster. O mellor resultado dos desprazados correspondería a María del Carmen Novo do Lucus Caixa Rural quen lograba a medalla de bronce na categoría F65.