Un ano máis, a cidade da Coruña converterase no epicentro da marcha atlética coa celebración da trixésimo oitava edición do Gran Premio Internacional de Marcha Cantones - Trofeo Sergio Vázquez o vindeiro 7 de xuño ás 17:00 horas. A icónica proba volverá congregar aos mellores marchadores e marchadoras do planeta nun evento que xa conta coa confirmación de atletas de vinte catro países dos cinco continentes.
A principal estrela desta edición será, sen dúbida, a española María Pérez, flamante campioa olímpica na proba de remudas mixtas e prata nos 20 km en París, ademais de recente campioa de Europa nos 20 km.
Porén, a delegación chinesa tamén acaparará gran atención, desprazando a un total de vinte e tres marchadores liderados pola campioa olímpica en París, Jiayu Yang. Xunto a ela, estará presente unha figura moi querida en Cantones, Liu Hong, quen no ano 2015 estableceu na Coruña o récord mundial dos 20 km.
Na categoría masculina, a lista provisional destaca a participación do italiano Massimo Stano, recente campión de Europa en Podebrady, e do alemán Christopher Linke, subcampión continental.
Categoría Ouro no World Walking Tour
O Gran Premio Cantones ostenta a categoría Ouro dentro do World Walking Tour 2025, un circuíto mundial que abrangue vinte e tres probas nas principais cidades do mundo. A Coruña comparte este máximo nivel con cidades como Taicang (China), Dudince (Eslovaquia), Río Maior (Portugal), Varsovia (Polonia), Podebrady (República Checa) e Madrid.
A marcha galega tamén será protagonista
Outro foco de interese para o público local será a participación dos irmáns Antía e Dani Chamosa, que recentemente realizaron un destacado campionato de Europa de marcha, contribuíndo ao subcampionato continental por países para España en ambas categorías.
Daniel Chamosa logrou unha meritoria sétima posición cun novo récord galego nos 35 km (2h.27:56), conseguindo ademais a marca mínima para os Mundiais de Tokio. Pola súa banda, Antía Chamosa obtivo un excelente cuarto posto nos 20 km, consolidando as súas opcións de loitar polas medallas en futuras citas internacionais.
