Corenta e oito equipos e medio milleiro de atletas estarán no Trofeo ABANCA
Como cada ano a gran cita das categorías de promoción do noso deporte en pista cuberta, o Trofeo ABANCA, regresará ao sintético de Expourense o vindeiro domingo día 3 de decembro en xornada de mañá e tarde.
Desta vez son un total de corenta e oito equipos equipos os que tomarán parte nesta auténtica festa do atletismo base, baixo a atenta mirada dun importante número de adestradoras e técnicos quenes estarán atendendo e acompañando aos preto de medio milleiro de atletas inscritas e inscritos das categorías Sub10, Sub12 e Sub14.
Nesta décima primeira edición as entidades da Sociedad Gimnástica de Pontevedra e a do Atletismo Narón, presentan conxuntos no total das seis categorías posibles, destacando de igual modo o equipo do ADAS CUPA con cinco equipos e os conxuntos da Atlética Lucense, C.D. La Purísima, Ourense Atletismo, e Atletismo Sada con catro equipos clasificados
As probas oficiais nas que se tomará parte en función das distintas idades serán:
- Categoría Sub10: 50 m., 500 m.,1.000 m., altura, lonxitude e peso
- Categoría Sub12: 60 m., 500 m., 1.000 m., altura, lonxitude e peso
- Categoría Sub14: 60 m., 500 m., 1.000 m., 2.000 m., 60 valos, altura, pértega, lonxitude, triplo e peso
Aprendizaxe e promoción
O Trofeo de pista cuberta ABANCA ten como filosofía a promoción e a aprendizaxe da actividade atlética entre as categorías máis inferiores do atletismo galego, sendo un dos seus obxectivos o fomento dos valores fundamentais do deporte a través dun sistema de competición por equipos no que se misturan os resultados colectivos sobre a base dos individuais.
O Vila de Cangas, o máis premiado
Ao longo destas dez edicións disputadas, das que tan só se deixou de celebrar no 2020 pola situación pandémica existente, o club que máis triunfos suma é o Atletismo Vila de Cangas cun total de dez títulos, seguido polo Ourense Atletismo e ADAS CUPA con oito e do Atletismo Narón e Sociedad Gimnástica con catro.