Construción da nova grada de Gol do estadio de Balaídos
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión plenaria ordinaria, o convenio de colaboración co Concello de Vigo para a construción da nova grada de Gol do estadio de Balaídos para á que o organismo provincial destina un total de 13,15 millóns de euros repartidos en tres anualidades cos que financiará o 50 % do orzamento total da obra.
O principal acordo deste pleno ordinario da Deputación correspondente ao mes de maio foi a aprobación do convenio de colaboración co Concello de Vigo para a construción da grada de Gol do estadio de Balaídos, que contou co voto favorable dos tres grupos que compoñen a corporación. Un proxecto que conta cun orzamento de licitación de 25,64 millóns de euros, dos que a Deputación financiará o 50 %. As achegas do organismo provincial realizaranse en tres anualidades, a primeira, correspondente ao presente ano 2024, ascende a 2,6 millóns de euros; mentres que nos dous anos seguintes aportará 5,27 millóns en cada un.
“Damos cumprimento á palabra dada polo presidente Luis López ao Concello de Vigo, ao Celta, aos vigueses e á provincia”, subliñou o voceiro do goberno provincial Jorge Cubela, para destacar que o compromiso de seguir colaborando coa reforma do estadio e cos proxectos beneficiosos para a cidade de Vigo é unha realidade. Ademais, o presidente tomou a palabra neste punto para poñer en valor o traballo do goberno e da vicepresidenta Luisa Sánchez para que “este convenio saíra adiante”.