Club Baloncesto Breogán, 25 tempadas no cumio do baloncesto nacional
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a traxectoria do Club Baloncesto Breogán, o equipo galego que máis tempadas ten estado na máxima división nacional: 6 na Primeira División e 18 na ACB que, sumadas a esta nova que emprenden, farán un total de 25 tempadas no cumio do baloncesto nacional.
Así mesmo, recordou que o Breogán é o club máis laureado da Copa Galicia de baloncesto, con 13 trofeos, a primeira delas gañada no ano 86 e a última hai escasas semanas en Ferrol. “Estamos a falar dun club histórico cheo de triunfos e superacións, que segue a formar parte da historia do baloncesto galego e nacional”, abundou.
O titular da Xunta aproveitou o acto de recepción, ante o ascenso do equipo á ACB, para reiterar o compromiso da Administración autonómica co Plan de Patrocinio de Equipos de Alta Competición de Galicia, da Fundación Deporte Galego.