Canastras pola igualdade
O concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, sinala que apoiará as iniciativas que aposten por un deporte inclusivo e igualitario e informa que o Club Condado ofrece a posibilidade de practicar baloncesto dende a categoria babies para menores de cinco anos ata senior, tendo na actualidade 145 deportistas en distintas competicións.
A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, recibiron no salón de plenos á directiva do Club Baloncesto Condado para presentar o I Torneo Canastras pola Igualdade que terá lugar este domingo día 16 a partir das 16 horas, na categoría cadetes, e das 19 horas en sénior. Con este torneo o Club Baloncesto Condado quere celebrar que por primeira vez contan cun equipo sénior feminino.
“Con corenta anos de traxectoria o Club Baloncesto Condado nunca puido chegar a ter un equipo sénior feminino, por iso é un motivo de celebración que queremos compartir con toda a cidadanía”, explica Xavier Simón membro da directiva do Club.
A alcaldesa, Nava Castro, convida a participar nesta proba na que debutará o equipo sénior feminino do Club Baloncesto Condado e na que veremos a habilidade deportiva das cadetes. “Para nós é un alegría ter un equipo sénior feminino que é un exemplo a seguir por outras modalidades deportivas e que anima ás persoas adultas a practicar deportes”. Pola súa banda a xogadora sénior, Paula Domínguez, anima a todas as persoas a apoiar ao Club e ser partícipes deste fito histórico.
O pavillón municipal Álvaro Pino abrirá as súas portas este domingo a todo o público e será testemuño do primeiro partido oficial do sénior feminino local pero ademais acollerá o cuadrangular da categoría cadetes no que competirán o club anfitrión, o Club Baloncesto Redondela, o Seis do Nadal de Coia, Vigo e o C.B. Brión.
O concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, sinala que apoiará as iniciativas que aposten por un deporte inclusivo e igualitario e informa que o Club Condado ofrece a posibilidade de practicar baloncesto dende a categoria babies para menores de cinco anos ata senior, tendo na actualidade 145 deportistas en distintas competicións.
Nestes intres o Club ten aberto o prazo de inscrición para o vindeiro curso 24/25. As persoas interesadas tan só deben contactar no número de teléfono 698 180 292. Ademais, o Club Baloncesto Condado celebrará unha xornada de portas abertas o vindeiro martes día 18 e todas as familias que queiran achegarse poderán consultar os horarios nas súas redes sociais
https://www.instagram.com/cbcondado
https://www.facebook.com/CBCondado83/
Este torneo conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Baloncesto e a Xunta de Galicia ademais das casas comerciais colaboradoras: Sestelo Central Eléctrica, Bopapel, Óptica Mahen, Rodosa, Talleres Pino, Curuxa, Cesma, Globaltea, Supermercado Macar, Cerrajería Mariño e Clínica Sabelacasasnovas.