Campionato de España, de Europa e do Mundo de Endurance
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na recepción aos pilotos, comisarios, xuíces, patrocinadores e colaboradores do Campionato de España, de Europa e do Mundo de Endurance (lanchas rápidas) que terán lugar esta fin de semana en Baiona e que estrearán as novas categorías Promotion 150 (B), Boat Production 300 (B) e Sport 450 (S). Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a Galicia como “potencia nacional, continental, mundial e mesmo universal” da motonáutica.
Proba disto, dixo, é a calidade dos nosos deportistas como Keko Pereira, José e Yeray Lorenzo, que xa saben o que é ser campións do Mundo; pero tamén o traballo na organización de eventos nacionais e internacionais de destacada relevancia como as probas do Europeo de Endurance de 2017 no Marisquiño ou o do 2019 en Sanxenxo; ou o traballo en pro do deporte adaptado e feminino ou a defensa e coidado do medio ambiente. Neste sentido, Lete Lasa tamén lembrou a consecución do título de Real por parte da Federación Galega de Motonáutica no pasado decembro de 2020.
Para José Ramón Lete Lasa, que a Unión Internacional de Motonáutica, con sede en Mónaco, elixa a Galicia e a Baiona como o lugar no que se celebrará unha das dúas probas do Campionato de Europa -a outra celébrase en Rávena (Italia)- e unha das tres probas do Campionato do Mundo -ademais das celebradas en Rodi Gargánico (Italia) e a que se celebrará en Benalmádena- é a mostra definitiva do “dominio internacional da motonáutica galega” e que no deporte galego “estanse a facer as cousas ben”.