Boas actuacións nos Campionatos de Galicia Sub18 e Sub20 de pista cuberta

Hugo Vázquez. Récord galego Sub20 dos 60 valos.

Os mellores atletas galegos Sub18 e Sub20 contaron esta fin de semana ca disputa dos seus respectivos Campionatos Xunta de Galicia na pista cuberta en Expourense.

CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA SUB 18

O sábado foi o día escollido para o autonómico Sub18 onde o máis salientable estivo a cargo novamente da pertiguista do A.F.Celta Lisa Vosberg. A medalla de bronce no nacional indoor Sub16 do ano pasado, melloraba a súa anterior plusmarca autonómica realizada recentemente de 3.55 m. para escalar cinco centímetros máis e deixala nos 3.60 que supoñen un novo tope galego.

Continuando co campionato, foi tamén salientable a actuación de Lucas Rodríguez do Celta quen se impuxo na final dos 60 cun rexistro de 7.18. Daniel Cariñena do Millaraio chegaba na lonxitude ata os 6.75  m. e Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá, mandaba no círculo de peso o artefacto ata os 14.79 m.

Por último Ricardo Negrete do Ría Ferrol baixaba dos dous minutos nos 800 m. rematando cun crono oficial de 1:57.54 e Sergio Quintáns de La Purísima lograba o campionato galego nos 1.500 con 4:10.66.

Dous novos títulos para a velocista do Val Miñor Ainhoa Repáraz quen se facía cos ouros tanto nos 60 m con 7.71 como nos 200 m. con 25.18, ao igual que a céltica Adriana Rial quen facía o mesmo cos valos (9.12) e triplo (10.98 m.).

Alicia Barreiro do Ría Ferrol baixaba do minuto na proba dos 400 m. deixando o reloxo nun rexistro oficial de 58.38. Nos concursos Nayr Cortegoso do Val Miñor voaba ata os 5.16 m. na lonxitude polos 1.58 m. na colchoneta de altura da medallista nacional indoor Sub18 Emma Sihuang da Atlética Lucense

CAMPIONTO XUNTA DE GALICIA SUB20

No campionato galego Sub20 celebrado íntegramente o domingo,  un dos protagonistas foi o atleta do Marineda Hugo Vázquez quen sobre a proba dos 60 valos lograba un novo récord galego Sub18 logo de rematar cun rexistro de 7.88 que o sitúan ademáis como líder da proba no ranking nacional.

As probas de velocidade tiveron na categoría femenina a Manuela Raviña do C.A. Santiago como protagonista ao impoñerse tanto nos 60 m. con 7.95 como nos 200 m. con 26.78. Pola súa banda sería Jorge Román Leiros do Celta, quen facía o propio en homes domiñando as distancias dos 200 m. con 22.21 e 400 m. con 49.76.

Hugo García do Celta foi outro dos destacados gañando por partida dobre os 800 m. e os 3.000 m. con excelentes cronos de 1:56.34 e 8:53.99 respectivamente.

Pola súa banda a subcampioa de España de combinadas indoor Sub18 Lucía Sánchez del Valle da Atlética Lucense, remataba o campionato domiñando tanto o concurso de altura con 1.66 m. como os 60 valos con 8.99.

Para rematar claro triunfo das internacionais Alba Cuns do Playas de Castellón en triplo con 12.66 m. como de Xiana Lago do Ría Ferrol no peso 12.23 m.

CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE PROBAS COMBINADAS

Paralelamente á disputa do Campionato de Galicia individual Sub18 e Sub20, disputouse o Campionato de Galicia de Probas combinadas para as mesmas categorías.

O triunfo na  Sub18 masculina foi para Matías Moldes da Gimnástica con 4.260 puntos e para Irene Vázquez do Atletismo Narón na femenina 2.129 puntos

No tocante a categoría Sub20 resultaron gañadores Natalia Alonso do Xuncas Diversia con 1.931 puntos e Aitor Fernández do Atletismo Narón con 4.329 puntos.