A Xunta considera acertada a decisión do COI de retrasar os Xogos de Toquio
A Xunta de Galicia, en nome do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, pronunciouse no día de hoxe sobre a decisión do Comité Olímpico Internacional de adiar os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio que ían ter lugar entre o 24 de xullo e o 9 de agosto do presente ano. Segundo o secretario xeral, está decisión é a que mellor defende os intereses do deporte galego, xa que “os nosos deportistas clasificados e os que estaban na carreira olímpica, así como os de outros estados, atopábanse nunha situación de desvantaxe polo confinamento derivado da declaración do estado de alarma pola crise do coronavirus”. “Con este aprazamento entendemos que se facilita que todos os atletas, independentemente de onde residan, poidan chegar nas mellores condicións e cunha maior igualdade”, apuntou.
“A única prioridade que debemos ter neste momento, dixo, é “afrontar o reto sanitario que o conxunto da comunidade internacional ten por diante, garantindo a saúde e seguridade de todos, por suposto tamén a dos deportistas”.
O responsable do Deporte galego considera acertada unha decisión que permite que os deportistas poidan “afrontar máis sosegadamente a cita olímpica e paralímpica”. De cara a nova data que terán os Xogos de Toquio e que será non máis aló do verán de 2021, Lete Lasa informou que “indudablemente, seguimos e seguiremos apoiando aos deportistas e, polo tanto, o programa de axudas á preparación deportiva para os Xogos de Toquio seguirá plenamente vixente”.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, permanecerá alerta a calquera novidade que se poida producir nas vindeiras datas e mantén unha constante comunicación co CSD, para garantir a maior coordinación, así como coas federacións, clubs e deportistas afectados. Cómpre lembrar que o enderezo electrónico (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal) segue a funcionar para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19.