Xusto Gude Méndez Gaña o Premio Talento Eurorrexión 2024 co Proxecto 'Máscaras do Mundo'
O escultor Xusto Gude Méndez é o gañador da primeira edición do premio Talento Eurorrexión 2024, da AECT Galicia - Norte de Portugal, co proxecto "Máscaras do Mundo". O xurado concedeu o premio por unanimidade, entre as 18 candidaturas recibidas, dun lado e doutro da Raia, porque "Máscaras do mundo, é unha viaxe completa polas diferentes máscaras que hai ao longo e ancho da paisaxe ourensá”, pódese ler na acta do xurado. Xusto Gude, de 61 anos, é un artista autodidacta de Xinzo de Limia (Ourense), terra onde o Entroido está moi arraigado.
O vencedor recibirá unha escultura creada para a ocasión pola prestixiosa artista galega CH Sueiro, que entregará a Xusto Gude o subdirector da AECT Galicia – Norte de Portugal, Xosé Lago, en presenza da directora do Festival IKFEM, Andrea González, o vindeiro 20 de xullo, ás 17 h, na antiga ponte internacional sobre o río Miño, entre Tui e Valença. Esta acción realízase en paralelo ao IKFEM Festival 2024, iniciativa cultural transfronteiriza cunha traxectoria e proxección consolidadas e que conta desde o seu comezo co apoio institucional da AECT Galicia – Norte de Portugal.
O xurado estivo formado por Xosé Lago, subdirector da AECT Galicia - Norte de Portugal; André Rodrigues, técnico de Proxectos da devandita entidade; Andrea González e Carla Reyes, directora e responsable de Comunicación do IKFEM Festival; João Ribeiro da Silva, Xefe de División de Programación e Promoción Cultural da CCDR-Norte I.P.; e Cristina Ruibal, subdirectora Xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia.
O obxectivo do Talento Eurorrexión é mellorar a visibilidade dos talentos creativos e dos emprendedores culturais da Eurorrexión, dinamizar a creatividade existente nos dous territorios e converterse nunha referencia na promoción e difusión da actividade dos creadores culturais da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. A colaboración co IKFEM Festival permite aumentar o impacto desta iniciativa, ademais de poñer en valor o talento de artistas emerxentes seleccionados para a súa participación na exposición IKFEM Creativa.
O Talento Eurorrexión é unha nova iniciativa desenvolvida no ámbito do consolidado proxecto de intercambio cultural Nortear, cofinanciado por INTERREG VI-A POCTEP, no marco da Candidatura NORTEAR GNP 1E.