'X Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura' reúne a 40 artistas emerxentes galegos
O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, deu esta mañá a benvida aos 40 creadores e creadoras galegas que participan na décima edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN10. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose ademais na programación do Xacobeo 2021– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.
Na apertura deste encontro, o responsable de Políticas Culturais do Goberno galego salientou que o EAN “que cumpre xa dez edicións apoiando a arte emerxente, consolídase ano a ano como un dos encontros de referencia da arte contemporánea da Península, no que máis de 600 artistas noveis nos teñen presentado os seus proxectos creativos, entre eles figuras tan recoñecidas como Lois Patiño, Jesús Madriñán, ou Nuria Güell”.
Anxo Lorenzo destacou tamén que nesta edición o EAN está enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, “centrándose así no talento galego, representado en creadores e creadoras de disciplinas artísticas tan variadas como as artes plásticas, o cinema, a video-instalación, a cerámica, a arte téxtil, a fotografía, o deseño gráfico ou a performance”.
XACOBEO 2021
As dúas últimas edicións do Encontro de Artistas Novos enmárcanse tamén na programación do Xacobeo 2021, o que motivará que un ano máis o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk –dirixido aos participantes do Encontro– teña como eixe os camiños xacobeos, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago. Este certame tira así proveito da localización das Torres Hejduk e do seu vencello visual directo coa Vía da Prata e a Catedral de Santiago. O titular de Políticas Culturais valorou por tanto que lles dea aos artistas “a oportunidade e o desafío creativo de empregar como espazo expositivo non convencional estas singulares torres de pedra e cristal”.
O acto, celebrado no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, contou tamén coa participación do director Institucional Territorial Noroeste do Banco Sabadell, Manuel Prol Cid; do director rexional Galicia Centro de Banco Sabadell, David Martis Sánchez; do director do EAN, Rafael Doctor; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e da directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira Otero.
NAS SUCESIVAS EDICIÓNS
Manuel Prol Cid quixo destacar o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea apostando por “dar oportunidades a artistas emerxentes para que melloren a súa capacidade creadora e logren trazar o seu propio camiño”. O director Institucional Territorial Noroeste do Banco Sabadell agradeceu á Xunta de Galicia e á Fundación Cidade da Cultura o seu “traballo e esforzo por adaptarse ás circunstancias para que este encontro se poida realizar pese ás incertezas que a todos nos atenazan apostando porque, desde o máximo cumprimento das normas sanitarias, fagamos un esforzo porque este tipo de actividades poidan ser unha realidade”.
Pola súa banda, Rafael Doctor tivo unhas palabras de lembranza para os xa máis de 600 creadores e creadoras emerxentes que pasaron polo EAN ao longo das súas dez edicións, ao tempo que agradeceu o compromiso da Cidade da Cultura cun Encontro que, adaptándose a todas as medidas de seguridade requiridas pola propagación da covid-19 “non quere perder a súa cerna, na que está favorecer a convivencia entre os participantes, póndoos ademais en contacto con outros axentes do sector, como comisarios, críticos, xornalistas e artistas consolidados”.
CONVIDADOS
Precisamente facilitar o intercambio de ideas e visións sobre o mundo da arte, coñecer outros procesos creativos ou dialogar e aprender da man de artistas de recoñecida traxectoria son algunhas das oportunidades que o EAN ofrece aos e ás artistas emerxentes. Nesta edición do Encontro contarase coa participación do cineasta Oliver Laxe (París, 1982), recentemente premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme O que arde; ou da artista interdisciplinar Paula Rubio Infante (Madrid, 1977), premio El Ojo Crítico 2015 de Artes Plásticas e VIII Premio ARCO a Jóvenes Artistas 2011.
A conferencia de apertura do Encontro correrá a cargo da artista plástica e profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra, Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); mentres que o creador multidisciplinar Carlos Aires (Ronda, Málaga, 1974), coñecido polos seus traballos de fotografía e escultura, será o encargado de pechar o programa o xoves coa súa intervención. Todos eles súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.
Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers que, desde o seu traballo no eido curatorial ou do xornalismo cultural apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente. Neste caso, serán o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola, o artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña, e a comisaria e directora artística das feiras JustMAD (Madrid) e JustLX (Lisboa) Semíramis González.
RESIDENCIA
Ata o vindeiro xoves, os artistas emerxentes participantes no EAN10 van ter a oportunidade de darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Ademais, co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o EAN10 inclúe tamén visitas a centros de arte como o CGAC e a Fundación Granell en Santiago de Compostela.