'Vive Nigrán'
Vive Nigrán Picnic Pop Festival desenvolverá a súa sétima edición a fin de semana do venres 30 de xuño e do sábado 1 de xullo no campo de fútbol de Monte Lourido, a carón de Praia América, cos concertos e sesións DJ de 10 artistas e outras actividades complementarias, nun evento que conta co apoio da Xunta de Galicia para a súa organización.
O certame, adherido ademais á marca FEST Galicia, creada polo Goberno galego co obxectivo de promover a nosa Comunidade como destino musical de calidade, ofrece na súa nova entrega as actuacións dos grupos Nada Surf, Los Enemigos, Morreo, Morgan, The Rapants, Javiera Mena, Samantha Hudson e Ojete Calor desde os dous escenarios que se instalarán no recinto. Cada día de celebración, no que se sucederán actuacións desde as 19,00 horas da tarde ata as 3,00 horas da madrugada, pecharase coas sesións a cargo de Eme DJ e Señora DJ.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá no Club Marítimo de Panxón na presentación de Vive Nigrán xunto ao seu director, Juan Rivas, e outros representantes de institucións e entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil destacou o potencial deste tipo de eventos musicais para a dinamización das contratacións artísticas e de servizos durante o verán, así como para xerar un impacto económico positivo nas localidades e zonas de influencia onde teñen lugar.
Subliñou tamén a aposta da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pola oferta cultural de ocio que achega a gran variedade de festivais que terán lugar en Galicia nas vindeiras datas, entre os que se atopan o Resurrection Fest de Viveiro, o PortAmérica de Portas, o Sinsal da Illa de San Simón, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa, o SonRías Baixas de Bueu ou o Festival de la Luz de Boimorto.