Vigo recibe a exposición conmemorativa do 40 aniversario do Parlamento de Galicia

Algunos de los materiales expuestos.
En Vigo estará aberta entre o 30 de xuño e o 27 de xullo na sala 1 da sede viguesa de Afundación (Rúa Policarpo Sanz, 26). A inauguración está prevista para mañá xoves, 30 de xuño, ás 19,30h.

O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 é o título da exposición que se inaugurará mañá xoves en Vigo para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.

A mostra permaneceu aberta ao público na sede do Lexislativo autonómico entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, iniciando despois un percorrido polas cidades galegas. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

MATERIAIS

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.

Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

En Vigo estará aberta entre o 30 de xuño e o 27 de xullo na sala 1 da sede viguesa de Afundación (Rúa Policarpo Sanz, 26). A inauguración está prevista para mañá xoves, 30 de xuño, ás 19,30h.