'Vía Lusitana', reforza a imaxe dos camiños de Santiago no norte de Portugal e Galicia
A exposición 'Via Lusitana. O espazo xacobeo no Norte de Portugal e Galicia', organizada pola Xunta de Galicia no marco das actividades do Ano Xacobeo 2021-2022, conta nesta ocasión coa colaboración do Concello de Tui.
'Vía Lusitana' realiza, a través de dez capítulos, unha síntese e recompilación do fenómeno histórico xacobeo relacionado co territorio portugués máis setentrional (do Douro cara o norte) e Galicia: o culto ao apóstolo, a historia común, as tradicións, o rico patrimonio histórico-artístico, a variedade gastronómica destas terras, a beleza da paisaxe e a tranquilidade e seguridade da peregrinación nos nosos días.
O título da exposición busca reforzar a imaxe que o proxecto quere dar dos camiños de Santiago no norte de Portugal e Galicia: un espazo único e ben coidado no noroeste da península ibérica, rico en natureza, patrimonio, gastronomía e cultura. Un espazo xacobeo pleno de beleza, seguro e saudable, no que poder realizar a peregrinación a Compostela en calquera época do ano.
A exposición conta con paneis autoportantes, con pequenos textos en galego, portugués, castelán e inglés, ilustrados con fotografías de gran calidade, cartografía e dous vídeos: un sobre os Camiños de Santiago neste xardín de esencias, e outro sobre natureza e patrimonio.
Poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións até o 28 de agosto.