Vagón de Cola: Tino Canicoba expón a realidade esquecida a través da escultura
De novo está na Sala Afundación, na Rúa Policarpo Sanz, 26 de Vigo, o escultor Tino Canicoba, procedente das terras de Ponte Ulla, cun discurso irónico e aspectos negativos da sociedade. Un diálogo de pezas escultóricas de pequeno e grande formato, en madeira de castiñeiro, carballo, piñeiro ou buxo, talladas con motoserra,
transformando o tronco en obras de arte.
Neste caso, figuras encorvadas, fracas, vellos ou xente que habita na rúa, excluídos socialmente, son mostradas polo artista a través do sarcasmo. Este colectivo aparece nas diferentes obras cun estilo primitivista e baixo o título "Vagón de cola", que se expón na Sala I do Centro Social de Afundación, onde permanecerá ata o 9 de novembro.
Paralelamente, Tino Canicoba presenta na capital de España outras esculturas saídas do seu taller, no Pabellón 5 do recinto de IFEMA, na Feira de Arte Estampa, que se celebra do 17 ao 20 de outubro. Foi convidado polo galerista Beny Fernández, xunto con outros artistas do espazo Beny, entre eles a pintora Mercedes Lence, Lubians, Orozo, Francisco Pazos, o pintor de Forcarei con estudo en Santa María de Cela, José María Barreiro, Diego Lago, Pani, Xerónimo Villalonga, Reese, Resino e Savelec.