Tunos Compostelanos homenajean ao finado xornalista José Manuel Maseda na súa Cedeira natal
A agrupación musical do Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, 'Troyanos de Compostela', vai renderlle unha homenaxe ao xornalista José Manuel Maseda, finado en 2020 e que fora membro do grupo desde a súa fundación. O acto terá lugar en Cedeira, a súa vila natal, no Auditorio Municipal. Será este sábado, 8 de outubro, ás 20.00 horas, dentro da axenda da Rede Cultural da Deputación da Coruña. A entrada é libre ata completar aforo.
A homenaxe consistirá nun concerto integrado por cancións que Maseda cantou e interpretou en tantas ocasións xunto aos “Troyanos de Compostela” e que ademais están integradas no primeiro disco da agrupación, Viva Galicia! A música no tempo da Casa de la Troya, que reúne a música de autores galegos de finais do século XIX e comezos do XX. Soarán temas como Santiago de J. Álvarez Cancio, Lela (poema de Castelao con música de Rosendo Mato), a muiñeira La Alfonsina de Canuto Berea, Tuna Compostelana (de Mariano Méndez Vigo, Dolores Martínez e Fernando García Morcillo) ou Foliada do rueiro (de M. Iglesias Rodríguez e Crisanto Sanmartín), entre outros.
Será unha viaxe musical no tempo pola música dos estudantes e tunas de Compostela. Ademais, os membros da agrupación irán relatando ao público historias e anécdotas da cidade compostelá, explicando a relación con Lugín ou coa Compostela Troyana de persoas senlleiras da nosa cultura como Rosalía de Castro, Castelao ou Curros Enríquez.
O grupo de pulso e púa da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos-Casa de la Troya nace en 2013 como un proxecto vencellado ao museo Casa de la Troya. O seu obxecto é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de corda pulsada que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX; lembrando ao mesmo tempo a figura de compositores galegos da época. A agrupación, que toca tanto en Santiago e no seu contorno como noutros puntos de Galicia e Portugal, está integrada por 31 compoñentes. Son persoas afeccionadas á música, profesionais en distintos ámbitos, unidas pola súa pertenza ás tunas de Compostela durante a súa etapa académica. Era o caso de José Manuel Maseda, un dos seus fundadores.
O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, manifesta o seu “agradecemento ao Concello de Cedeira e ao seu alcalde, Pablo Moreda, por apoiar esta iniciativa, e animamos a asistir aos veciños e amigos do noso compañeiro Maseda que non puideron facelo na anterior homenaxe que lle fixemos o ano pasado por ser máis íntima”.
Os seus compañeiros lembran que Maseda comezou estudando Medicina -anos nos que estivo ligado á Tuna Compostelana-, que logo abandonou para dedicarse ao xornalismo, coincidindo coa creación da Televisión de Galicia (TVG). Falan del como “un compañeiro excepcional, un grande amigo, un bo músico, unha persoa á que lle gustaba vivir a vida, un modelo a seguir para todos nós”.