Tui xa ten axenda cultural ata maio
Cinema, teatro e
música centran a programación a desenvolver até o mes de maio no Teatro
Municipal de Tui. Esta mañá presentouse a programación recollida nun novo
número da axenda Corredoira Cultural na que se plasman tanto os eventos a
celebrar no teatro tudense coma tamén os programadas ao aire libre.
A presentación
correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Ensino
e Cultura, Sonsoles Vicente.
Catro espectáculos
para público infantil, unha proxección de cinema, dúas obras teatrais para
público adulto, xunto a cun concerto integran a proposta cultural do Teatro
Municipal, á que se suman outros eventos no propio teatro e ao aire libre, que
terán lugar entre os meses de febreiro e maio.
O alcalde de Tui,
Enrique Cabaleiro, sinalou que “Tui sempre tivo, ten e terá na cultura unha das
súas sinais de identidade”, indicando que a programación cultural “ten que ser
tamén o reflexo de todo o noso patrimonio material e inmaterial” aludindo amais
á promoción da cultura, tanto activa coma pasiva, que se realiza dende o
Concello.
A concelleira de
Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou que a axenda Corredoira Cultural,
da que se edita xa o número 38º, forma parte xa cidade agardando que o público
goce dos espectáculos previstos tanto no Teatro Municipal coma ao aire libre.
Avanzaron tanto o
alcalde coma a concelleira de Cultura que están traballar na realización dunha axenda
conxunta con Valença xa que “é o elemento transfronteirizo nos distingue e engade
un valor engadido”, dicía Enrique Cabaleiro. Nese senso o rexedor avanzou que o
luns, 10 de febreiro, ás 21 h na Cámara de Valença celebrarase un pleno
conxunto entre as corporacións municipais de Tui e Valença para conmemorar o
oitavo aniversario da creación da Eurocidade.
Destacaba que será a primeira vez que se celebre unha sesión plenaria entre
corporacións municipais de dous países. Tamén destacaron o traballo que está a
realizar grazas ao fondos europeos no marco do proxecto Unicidade.
As Festas de San
Telmo, a celebrar do 11 ao 20 de abril, virán marcadas tamén pola singularidade
do municipio, e avanzaron que as atraccións de feira se instalarán na prolongación
da rúa Casal Aboy, na zona de Canfram.
PROGRAMACIÓN CULTURAL
A programación
abrirase o próximo venres, 7 de febreiro, coa proxección de "O que arde"
de Oliver Laxe, un filme que recibiu na fin de semana dous premios Goya á
Mellor Actriz Revelación para Benedicta Sánchez e o de Mellor Dirección de
Fotografía para Mauro Herce. O cinema volverá ser protagonista coa
celebración da décimo sexta edición de Play Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui do
mércores 29 de abril ao domingo 3 de maio.
O público
infantil poderá gozar coa representación de "Zapatos", a obra de
teatro para bebés que en dobre pase achegará ao teatro tudense Caramuxo Teatro o
sábado 8 de febreiro, e con "A nena e o grilo máis aló" , o
espectáculo músico-teatral que achegará Magín
Blanco o sábado 15 de febreiro, e con "The show moscón" que Galitoon presentará o
venres 6 de marzo. Amais "Aguratrat" de Roald Dahl chegará a Tui o
venres 13 de marzo con Pérez
& Fernández.
Talía Teatro e Contraproducións
serán as compañías que acheguen as súas propostas teatrais para público adulto.
O venres 14 Patricia Vázquez e Rebeca Montero de Contraproducións levarán a
escena "A compañeira de piso" , unha comedia escrita por Jen Silverman.
O sábado 7 de marzo "Vida de cans" será a obra que representen Toño
Casais, Dani Trillo e Artur Trillo nunha montaxe de Talia Teatro. Trátase dunha
comedia escrita e dirixida por Cándido Pazó.
A programación do
Teatro Municipal contempla o sábado 14 de marzo o concerto
"Memoria da melancolía" da man do tudense Samuel Diz. O músico e
investigador homenaxea a María Teresa León no seu novo traballo
discográfico. Faino a través da súa autobiografía e de músicas inéditas de
compositoras e compositores coetáneos á escritora que viviron o exilio
republicano da Guerra Civil española.
No referente ás
actividades a celebrar ao aire libre a primeira prevista será o Entroido co
desfile concurso o martes 25 de febreiro - festivo local - e o Enterro do
Bacallau o domingo 1 de marzo. A seguinte cita será do sábado 11 ao
luns 20 de abril coas festas patronais na honra a San Telmo.
Para celebrar o
Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, Tui organiza a vixésimo
terceira edición da Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira.
Esta programación
vén recollida nun novo número da Axenda Corredoira Cultura da que se editaron
12 mil exemplares que serán distribuídos tanto en Tui coma en Valença.