TradFest, música de raíz
As Festas do Apóstolo en Santiago serán por segundo ano consecutivo o marco de celebración do Compostela TradFest, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dun intenso programa coa música de raíz como protagonista. O evento terá lugar o vindeiro domingo día 26 no parque de Bonaval, na praza da Quintana e nas rúas da cidade, que acollerán unha vintena de concertos, bailes, ruadas e cursos, ademais dunha mostra de instrumentos musicais e unha feira de libros e discos.
Os detalles da programación foron anunciados hoxe nunha presentación, na que participou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), quen compartiu mesa con Gonzalo Muíños, concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas de Santiago; Víctor Belho, de Nordesía, empresa que se encarga da produción do festival xunto con aCentralFolque, e Sabela Maneiro, de Tanxugueiras, unha das formacións programadas na praza da Quintana, onde tamén actuarán Ailá e a Banda Municipal de Música co espectáculo De tradición con Suso Vaamonde.
O resto dos concertos do TradFest concentraranse nos diferentes escenarios do parque de Bonaval: Espazo Arcos con Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo, e a igrexa de Bonaval con Iván Vilela, Fernando Barroso, Pärbo (Pintos & Riobó) e Abraham Cupeiro. Pola súa banda, no Espazo Porta da Música escoitaranse os cantos de Barahunda, Zeltia Irevire, é Romance e Laura Lamontagne, mentres que o Espazo Xirola dedicarase ao baile, con Bouba, Altalaplana, Os Monifantes e os cursos de Cobos & Prieto.
Tamén en Bonaval poderase visitar durante todo o día unha mostra de instrumentos tradicionais, así como unha feira de libros e discos. Ademais, haberá ruadas en diferentes puntos da cidade coa participación de Acivreira, Habelas Hainas, Os Estalotes e Os Monifantes.
FONDO XACOBEO
A Consellería de Cultura e Turismo colabora con este encontro coa música tradicional e de raíz a través da Agadic e do Fondo Xacobeo 2021, unha das iniciativas inseridas no Plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos esfectos da covid-19. O actual contexto provocado pola pandemia terase tamén moi en conta no desenvolvemento das diferentes actividades do TradFest, para as que se seguirán os protocolos de hixiene e seguridade comúns a todas as citas das Festas do Apóstolo do Concello de Santiago de Compostela, que promove este festival xunto con La Voz de Galicia.
O director da Agadic incidiu na presentación na necesidade de recuperar o encontro do público coa cultura en vivo e de facelo de xeito seguro tanto para os artistas como para os espectadores. Neste sentido, recoñeceulles aos promotores e organizadores do TradFest o seu esforzo por manter esta cita, á que se referiu como un completo evento arredor dos múltiples xeitos de expresión da nosa cultura máis popular e coa interpretación a cargo dunha selección dos mellores artistas galegos actuais no ámbito da música de raíz.