Teatro do Noroeste recupera para os escenarios ‘As damas de Ferrol’
Teatro do Noroeste estrea esta fin de semana a nova versión do seu coñecido espectáculo As damas de Ferrol, que recupera para os escenarios nunha revisión dirixida por Clara Gayo a partir do texto orixinal de Eduardo Alonso. O Teatro Jofre ferrolán acollerá o venres 1 e o sábado 2, ás 20,30 horas, as dúas primeiras funcións desta montaxe, para a que a compañía galega contou cunha subvención á creación escénica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da proposta de Teatro do Noroeste, unha das compañías máis lonxevas do actual panorama teatral galega, xunto con parte do seu equipo artístico: ademais de Clara Gayo e Eduardo Alonso, as actrices Mónica Camaño e Casilda Alfaro, o escenógrafo e deseñador do vestiario, Carlos Alonso, e a produtora, Eva Alonso.
O representante da Xunta de Galicia explicou que a modalidade da axuda concedida ao espectáculo implica o apoio a unha planificación a dous anos, que inclúe tanto a súa produción como oito funcións no prazo de seis meses. Por medio destas subvencións á creación escénica, que na súa convocatoria de 2023 distribuíu 800.000 entre 29 proxectos, “contribuímos a que as compañías poidan acometer procesos creativos e manter estruturas artísticas e laborais a máis longo prazo”, sinalou.
HUMOR NEGRO EN CLAVE FEMINISTA
As damas de Ferrol revisita o texto homónimo de Eduardo Alonso, levado a escena baixo a súa propia dirección en 2004, con Luma Gómez e Elina Luaces nas interpretacións. Desta volta, con Clara Gayo á fronte, son Mónica Camaño e Casilda Alfaro as que lle dan vida ás irmás protagonistas desta comedia de humor negro, en clave feminista e a ritmo de jazz, con música orixinal de Chefa Alonso. Xa maiores, as irmás repasan a súa vida entre disputas e absurdos, cunha morte como panorama de fondo e coa cidade de Ferrol no centro da historia.
O responsable de Industrias Culturais felicitou a compañía polo que supón a apertura dunha renovada liña de traballo tras máis de 35 anos de actividade ininterrompida e unha cumprida listaxe de producións e recoñecementos. Con esta nova ollada sobre As damas de Ferrol, “Teatro do Noroeste ofrece unha proposta pouco frecuente no noso panorama teatral, xa que se lle están brindando a unha nova directora os recursos da compañía para lle dar unha nova vida a unha obra do seu repertorio e continuar, deste xeito, coa súa rendibilidade artística e económica”, subliñou.
Tras as súas dúas funcións no Teatro Jofre, para as que xa poden adquirirse as entradas a través da plataforma entradas.ataquilla.com, o equipo do espectáculo porá rumbo cara ao Carballiño, onde actuará o día 15 de decembro no Auditorio Municipal Manuel María.