Os sistemas agroforestais son máis beneficiosos para o medio ambiente que os sistemas agrícolas, gandeiros e forestais simples
O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico numerario da RAGC. Mañá martes, 22 de novembro, terá lugar unha nova conferencia deste ciclo, que versará sobre os “Servizos ecosistémicos nos sistemas agroforestais”. Impartiraa Rosa Mosquera Losada, catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
BENEFICIOS
No transcurso desta xornada a profesora Mosquera abordará un tema no que ten unha dilatada experiencia, os sistemas agroforestais, que son aqueles que combinan prácticas forestais con agricultura e/ou pastoreo sobre a mesma unidade de superficie. Son sistemas multifuncionais que poden proporcionar unha gran variedade de beneficios económicos, socioculturais e ambientais. Centrarase especialmente en como as técnicas de manexo e uso do terreo agroforestal poden mitigar o quecemento global, ao incrementar o carbono fixado no solo e nas plantas.
A experta deterase nos principais tipos de sistemas agroforestais que existen e a súa importancia en Galicia, España e Europa. Baseándose nos resultados dos proxectos de investigación desenvoltos polo seu grupo de Sistemas Silvopastorais da Universidade de Santiago, demostrará que os sistemas agroforestais son, en xeral, máis beneficiosos desde o punto de vista do secuestro de carbono e a inmobilización do mesmo que os sistemas agrícolas, gandeiros e forestais simples.
Rosa Mosquera é presidenta da Asociación Agroforestal Española
Rosa Mosquera é doutora en Bioloxía, catedrática dol Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPS de Lugo, especialista en sistemas agroforestais. Dirixe varios proxectos competitivos de ámbito autonómico, nacional e internacional, sobre todo da Unión Europea, sobre esta materia. También ten conseguido financiamento para contratos con empresas coa finalidade de realizar transferencia de tecnoloxía sobre estes temas. Ten publicado numerosos artigos en revistas especializadas, libros, capítulos de libros e impartido conferencias internacionais sobre sistemas agroforestais, sistemas silvopastorais, biodiversidade, secuestro de carbono, fertilización con residuos, economía circular, bioeconomía, política agraria…
Foi cofundadora e primeira presidenta da Federación Europea de Sistemas Agroforestais. Na actualidade é coordinadora do programa de doutoramento en Investigación Agraria e Forestal da Universidade de Santiago, presidenta da Asociación Agroforestal Española, observadora oficial do Panel Internacional do Cambio Climático (IPCC) e coordinadora de proxectos de investigación da Unión Europea (H2020).
Tamén é copresidenta do grupo de investigación de Terras de Cultivo da Alianza Global de Investigación sobre Gases de Efecto Invernadoiro Agrícolas, centrado en reducir a intensidade dos gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia da produción das terras de cultivo. Ademais, é copresidenta do grupo para unha Agricultura Climaticamente Intelixente da FAO.
INSCRICIÓN para participar gratuítamente en todas as conferencias.