'Santiago de Compostela no tempo'
O comisario da exposición «Santiago de Compostela non tempo», Manuel Gago, ofrece mañá ás 19.00 h unha visita guiada de acceso libre e gratuíto ata completar aforo para profundar nesta proposta que albergará a Sede de Afundación en Santiago de Compostela ata o próximo 10 de setembro. Un percorrido guiado que poderá realizarse, así mesmo, tamén con aforo limitado, os próximos xoves 24 e 30 de xuño e o 7, 14 e 21 de xullo.
A mostra convídanos a descubrir a identidade e herdanza cultural da capital galega a través dunha selección de cen pezas que narran un apaixonante e poliédrico relato sobre a orixe, historia e evolución desta cidade, así como do seu universo de costumes, relacións e vivencias.
«Santiago de Compostela no tempo» é a primeira das sete mostras que constitúen o proxecto «Cidades no tempo», unha das principais iniciativas culturais do Xacobeo 2021-2022 e tamén un dos proxectos expositivos máis complexos desenvolvidos en Galicia nos últimos anos. Baixo este nome reúnense sete exposicións, unha por cada unha das principais cidades galegas. Todas reivindican a Galicia urbana. Organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, Obra Social ABANCA. Xunto ao comisario, o proxecto contou coa coordinación de Xosé Ramón Lema Bendaña, historiador e antigo Xefe do Negociado de Mantemento de Fondos Bibliográficos na Universidade de Santiago.
A mostra achega obras de arte únicas, incluíndo pezas procedentes do estranxeiro, obxectos históricos icónicos, vídeos, fotografías, gravacións ou documentación antiga que desvela claves sobre a vida desta cidade; pezas, todas elas, que se completan cunha dimensión multimedia e que nos presentan a configuración de Santiago a partir dos seus grandes polos: o Goberno galego, a universidade e a catedral, que fan de Compostela a meta do Camiño e un dos destinos culturais máis relevantes de Europa.
CEN PEZAS, CEN HISTORIAS
«Santiago de Compostela no tempo» ofrécenos a ocasión de contemplar obxectos únicos, a miúdo de difícil accesibilidade para o público, entre os que destaca o Libro de horas de Fernando I (1055), posiblemente, o libro máis antigo conservado en Galicia, custodiado en cámara acoirazada pola Universidade de Santiago e que hai vinte anos que non se expón ao público.
Tamén pertencente a esta institución académica, pódese contemplar a campá da universidade (1600) que, en tempos, funcionou a modo de reloxo da vida estudantil, e que nunha cidade tan rica en arquitectura relixiosa representa unha das poucas campás laicas.
Nas vitrinas atopamos dous relicarios (do séculos XI e XIX), pezas internacionais procedentes de Bélxica, testemuño do traslado dun pequeno fragmento das reliquias do apóstolo a Liexa en 1056. Xunto a elas, un dos obxectos máis representativos das primeiras etapas da ciencia arqueolóxica galega: o baleirado en xeso do petróglifo de Conxo (1935), reprodución realizada por Ramón Sobrino Buhigas.
Ademais, o visitante descubrirá documentos antigos, como planos orixinais de edificios emblemáticos que teñen que ver con ámbitos esenciais para a vida da cidade, como a educación, así como co deseño de servizos como a rede de subministración de auga e luz ou a chegada do tren.
MESAS INTERACTIVAS
A proposta preséntase como unha clara intención de somerxer de pleno ao visitante na cidade a través de dúas mesas interactivas nas que poderán explorar os elementos da exposición e incluso retarse a recoñecer algunhas das imaxes características da estética compostelá, que se presentan no epígrafe Padróns. Ademais, poderase achegar á vida de Santiago a través dos relatos da propia veciñanza.
Xunto ao comisario, o proxecto contou co asesoramento de expertos como Miguel Pazos Otón, doutor en Xeografía; Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga e científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) do CSIC; e Xaquín Núñez Sabarís, doutor en Filoloxía Hispánica.
O colector de «Cultura por alimentos» continúa habilitado na Sede Afundación de Santiago para todas aquelas persoas que desexen contribuír co banco de alimentos local, doando produtos non perecedoiros.