O Roteiro de Manuel María regresa ao Carballiño da man de Avantar

Rota no Carballiño.
A Agrupación Cultural Avantar organiza o ‘Roteiro de Manuel María’ para conmemorar o seu 50º aniversario. O roteiro percorrerá a vila do Arenteiro seguindo os pasos da obra “Cantigueiro de Orcellón”. Contará coa presenza de figuras como Felipe Senén López e representantes da Fundación-Casa Museo Manuel María. O percorrido rematará na Fonte de Flores con música e poemas do autor lugués.

A Agrupación Cultural Avantar, como epílogo da programación elaborada co gallo do 50º aniversario da súa creación, promove para este vindeiro domingo, día 12, unha nova edición do ‘Roteiro de Manuel María’. A actividade dará comezo ás 11:30 horas no anfiteatro da praza da Veracruz, como punto de inicio dun percorrido pola vila do Arenteiro da man da obra “Cantigueiro de Orcellón”, na cal o poeta chairego reflicte o seu sólido e agarimoso vencello co Carballiño ao longo da súa vida.

O evento foi presentado esta semana na Casa do Concello, nun acto no que estiveron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e Darío Anxo Rodríguez e Nani Blanco, directivos do colectivo cultural. O edil destacou “a defensa da nosa lingua, a nosa cultura e o noso patrimonio nestes 50 anos de traxectoria de Avantar”, á vez que convidou á veciñanza a participar o domingo na ruta literaria. Pola súa banda, Darío Anxo Rodríguez adiantou que o día 12 está prevista a presenza do historiador Felipe Senén López e dos tamén carballiñeses Xan Alfonso García e César Varela, tres dos catro persoeiros (E.A. Reque Varela) que “asinan” a portada do “Cantigueiro de Orcellón”, xa que Ernesto Atanasio Janeiro faleceu hai xa varios anos.

Anualmente, Avantar deseña un itinerario enfocado aos centros escolares, participando o alumnado e profesorado, para dar a coñecer a obra literaria de Manuel María. A música e a lectura constitúen o eixo central deste evento, no que o público adulto é o obxectivo preferente, e que contará coa presenza de dous representantes da Fundación-Casa Museo Manuel María. Na xornada dominical, un ‘arrieiro’ será o encargado de guiar os participantes polos distintos fitos que localizan e recollen os poemas máis destacados do “Cantigueiro de Orcellón”. A etapa final do roteiro será na Fonte de Flores e estará amenizada por unha interpretación musicalizada de poemas do autor lugués.