'O Río Arenteiro' a través da lente de 13 fotógrafos nunha nova exposición de 'O Potiños'

O Río Arenteiro, no Concello.
A Asociación Fotográfica O Potiños inaugurou unha exposición de 26 fotografías do río Arenteiro na Casa do Concello do Carballiño. A mostra, encargada polo Concello, busca poñer en valor a riqueza natural e patrimonial da zona a través da ollada de 13 fotógrafos, veteranos e noveles, incluíndo seis profesionais de Vigo.

A mostra está composta por 26 fotografías e foi encargada polo Concello do Carballiño á Asociación Fotográfica “para a posta en valor dos espazos naturais e patrimoniais do Carballiño, con imaxes que son unha fonte de recursos para o arquivo municipal”, explicou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

Manuel Blanco e Felipe Gallego, membros da directiva de O Potiños, destacaron que “o obxectivo fotográfico está centrado nun elemento como o río, que ten recunchos fermosísimos e que é moi importante para O Carballiño, pero que ás veces é o gran esquecido”.

A mostra recolle traballos de 13 fotógrafos, cada un aporta a súa ollada. “Uns máis veteranos, outros menos, e sumando ademais a 6 fotógrafos de Vigo, que achegarán un punto de vista totalmente diferente porque non coñecían o río Arenteiro”, explicou Manuel Blanco.

Historia

A Asociación Fotográfica Carballiñesa “O Potiños” nace no ano 1985 da inquedanza pola fotografía dun grupo de afeccionados da comarca do Carballiño, sendo coñecedores da gran lagoa cultural existente neste terreo, pese a que na vila xa existira un fotógrafo profesional estable antes do ano 1910, e por esas datas xa cinco veciños se ocupaban á profesión de fotógrafo.

Despois de varias xuntanzas, elabóranse e apróbanse os estatutos, tendo por finalidade primordial o interese pola fotografía en todas as facetas posibles, centradas basicamente nas imaxes en branco e negro e as cores, postas en papel.

Nun primeiro intre xa se pensa en recoller o material existente de vello en imaxes do Carballiño, coa finalidade de facer un fondo ou arquivo histórico e amplialo con aportacións e doazóns á par que complementalo con traballos fotográficos recentes.

Gabriel Alonso "O Potiños"

Unha das preocupacións maiores nos comezos da asociación foi buscar un nome que reflectira todo o sentir popular local pola fotografía, e a memoria lembrou a figura dun vello fotógrafo “de minuto”, un dos máis recordados no Carballiño e coñecido de todos polo alcume familiar de “O Potiños”.

O nome real deste profesional das imaxes era Gabriel Alonso, e o seu taller de traballo estivo nos primeiros números da rúa da Carreira, aínda que a presencia real nas datas sinaladas e nas feiras foi sempre a Praza Maior, do Carballiño, ao lado do comercio do Larodry, xa que nesa fachada apoiaba as lonas que lle servían de fondo e decorados á súa actividade. Unhas veces o fondo da foto eran xardíns, outras os canóns dun barco de guerra, e con anterioridade xa foran o avión “Plus Ultra” e outros artiluxios dos que dan boa fe as imaxes gardadas en álbumes de vellas fotos.

Co fin de darlle o nome desexado ao grupo, contouse coa aprobación das fillas e herdeiras do fotógrafo, ás que lles testimoniamos o noso agradecemento.

Primeira etapa

A actividade da A.F.”O Potiños” iniciouse cunha convocatoria aberta de maratón fotográfico, para pasar de inmediato a organizar, co patrocinio do Concello de Carballiño, concursos de fotos con motivo de festas e celebracións locais; ao mesmo tempo, estas actividades completábanse coas oportunas exposicións do material presentado.

Mención especial desta primeira experiencia asociativa merece a participación anual nas primeiras xornadas do “Outono Fotográfico” galego, nas que se participaba organizando cursos de revelado e positivado, charlas didácticas e exposicións, sendo o lugar máis socorrido para estes actos o vello salón de plenos do Concello.

Co fin de dar a coñecer a obra dos novos valores que, a nivel comarcal, xurdían, fixéronse varias exposicións monográficas sobre temas diversos e saen á palestra nomes hoxe coñecidos como Carlos Vázquez, Severino Junco, e algúns máis.

Logo duns anos de actividade continuada, a partir do ano 1996, a actividade dos socios decae e, salvo exposicións puntuais que veñen manténdose, por xestións con algúns dos fotógrafos e organismos locais, a asociación queda paralizada, se ben neste período chegan a expoñerse obras de Sebastián Salgado e outros nomes de coñecida solvencia, por canto que o concello destina unha cantidade para mercar ditas obras co fin de ampliar o seu fondo propio.

Na actualidade

No ano 2003, renace o grupo de interesados pola fotografía, despois de varias conversas con algúns ex-socios e dunhas cantas xuntanzas, nas que se ultiman acordos, decídese retomar o espírito da anterior asociación fotográfica e enlear con novas inquedanzas e algunhas modificacións o traballo encol da imaxe.

As saídas á rúa, visitas a monumentos, pobos e paraxes da contorna próxima, para recoller imaxes e o seu posterior revelado, positivado e exposición, serven novamente de aliciente para aqueles que teñen inquedanza por tan nobre arte da fotografía.

As novas tecnoloxías tamén teñen cabida nesta nova etapa, posto que as cámaras dixitais marcan unha continuidade e máis unha constante na vida cotiá e o novo formato estase a valorar moi positivamente por canto a infinita gama de posibilidades que ten.

Citas fixas no calendario de concursos fotográficos dos membros da asociación son: A Baixa Limia-Xurés (Muiños), Romaría Raigame (Celanova), A Istoria e Viña Docampo (Ribadavia), Imagomoenium (Lugo); e con carácter máis local e centrado no Carballiño: Entroido, Festa do Polbo, Setembro, EcuCarballiño e Outono Fotográfico, así como diversas saídas pola bisbarra, pobos e lugares da comarca para facer temas varios que rematan cunha exposición.

Ao longo destes anos, a A.F.“O Potiños” vén presentando exposicións no Carballiño, Leiro, Lalín e algúns concellos limítrofes e no ano 2005, con motivo do setenta e cinco aniversario da restauración do mosteiro de Oseira (Cea), presentouse no refectorio do convento unha mostra en branco e negro, con moi variados estilos, sobre o mosteiro e o seu contorno.

“O Potiños” deu o salto ao estranxeiro mostrando unha exposición colectiva en Monção (Portugal), seguida de outras individuais dos diferentes fotógrafos do grupo e segue a manterse na súa dinámica a prol da fotografía, colaborando con outras entidades e xentes, a favor de levar adiante iniciativas e inquedanzas relacionadas coa imaxe, que neste intre xiran en torno á recollida de fotografías antigas (ata 1980-90) destinadas á edición dun novo libro de fotos vellas de Carballiño e comarca. A presentación do último destes libro foi en xuño de 2010, coordinado polo xornalista e socio-fundador Xosé Manoel Rodríguez baixo o patrocinio da Deputación de Ourense.

Actualmente, o grupo de traballo colabora con fotos na edición mensual da revista Auria.

Dentro do que é o funcionamento interno de O Potiños, que conta con medio cento de asociados en activo, para os que gustan do formato clásico en branco e negro dispón de laboratorio de revelado e positivado ao tempo que gozan de varias revistas especializadas e veñen colaborando cunha módica cota anual. Nos últimos anos pola presidencia da asociación pasaron homes e mulleres, todos fotógrafos afeccionados e independentes, que en combinación co seu equipo directivo estiveron e están a facer unha interesante labor de difusión da imaxe.

Diversas charlas, cursiños formativos e celebracións de carácter interno ao longo do ano, así como as novas ideas dos socios, serven para mellorar o estilo propio, ampliar coñecementos sobre a materia e, en definitiva, contrastar ideas e xeitos de expresión nun campo tan creativo e tan testimonial como é a fotografía.