Residencias literarias no Gaiás
A Xunta de Galicia de lanza a Residencia Literaria Cidade da Cultura, un novo programa deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos, baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos. Trátase dun proxecto especialmente concibido para os menores de 35 anos, pero aberto a aspirantes de todas as idades no que, baixo a dirección do escritor Javier Peña, terán a oportunidade de compartir impresións e aprendizaxes con grandes figuras do panorama literario actual, como Sara Mesa e Berta Dávila, que participarán nesta primeira edición.
A Residencia Literaria da Cidade da Cultura nace baixo a premisa de que unha das dificultades que enfrontan os escritores noveis é a soidade da creación, a falta de guía no proceso e a ausencia de valoración externa. Deste xeito, o programa quere facilitarlles aos seus participantes a disección do proxecto literario propio ao tempo que lles invita a aprender da análise dos traballos dos compañeiros tamén da análise de lecturas relacionadas coa súa escrita, de charlas con autores de primeiro nivel ou intercambios con outras disciplinas artísticas.
Non menos importante, a residencia axudará ao crecemento persoal compartindo tempo e espazo con persoas moi diferentes cunha paixón en común: a literatura. Esta primeira edición –que conta con prazo de inscrición aberto ata o 16 de abril– vén de abrir un total de dez prazas, das que oito estarán reservadas a persoas de ata 35 anos e outras dúas non contarán con límite de idade. Poderán participar persoas nadas ou residentes en Galicia que queiran desenvolver ou mellorar un proxecto inédito de narrativa. Poderá tratarse de novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, ben completados e aínda non publicados, ou obras en diferentes estados de desenvolvemento.
As dez persoas seleccionadas participarán, de balde, nun programa intensivo de actividades que se desenvolverá na Cidade da Cultura entre o luns 5 de xullo e o venres 16 de xullo de 2021. As persoas interesadas poden xa consultar as bases do programa en cidadedacultura.gal, de cara a preparar o seu dossier de participación, no que deberán anexar un informe sobre o proxecto que lles gustaría desenvolver ao longo da residencia.
AUTORAS COÑECIDAS
A Residencia Literaria Cidade da Cultura contará coa participación de dúas destacadas autoras do panorama literario recente, tanto en Galicia como en España. Por unha banda, Sara Mesa, considerada unha das escritoras máis importantes da súa xeración, que coa súa última novela Un amor (Anagrama, 2020) foi recoñecida coma a mellor do 2020 por diferentes medios de comunicación. Antes, chegaran xa as novelas Cara de Pan (Anagrama, 2018); Cicatriz (Anagrama, 2015) –que se colocou tamén entre as mellores novelas do ano e lle valeu o Premio El Ojo Crítico de Narrativa–, Cuatro por cuatro (Anagrama, 2012), coa que foi finalista do Premio Herralde de Novela, ou Un incendio invisible (editada no 2011 pola Fundación José Manuel Lara e reeditada en 2017 por Anagrama).
No que respecta á literatura galega actual, contarase tamén cunha das súas voces imprescindibles, Berta Dávila, que ten conquistado público e crítica coas súas novelas. Carrusel (Galaxia, 2019; Barrett, 2021) recibiu os premios Manuel García Barros de novela e o premio da Crítica española en lingua galega; Illa Decepción (Galaxia, 2020) valeulle o Premio de Narrativa Breve Repsol; mentres que O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia 2013), que conta cunha adaptación en banda deseñada, acadou o premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción e o premio Narrativa Breve Repsol.
O programa está dirixido por Javier Peña, escritor, xornalista e profesor de escritura creativa, que se deu a coñecer coa súa novela de debut, Infelices (Blackie Books, 2019), que foi elixida entre as mellores novelas do ano en Galicia ou Zenda. Creador e coordinador das dúas edicións do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se celebraron en 2019 e 2020, tamén deseñou o Taller de Novela Casa Blackie, que imparte en liña e celebra na actualidade a súa quinta edición.
PROGRAMA 'REGA'
A Residencia Literaria enmárcase no programa REGA: Residencias artísticas do Gaiás, lanzado este 2021 e co que a Cidade da Cultura pon os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de creadores de dentro e fóra da nosa Comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais. Tratarase de creacións vencelladas coa música, coa escena, coa danza, coas artes performativas e audiovisuais e coa literatura, que se desenvolverán grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais, e que contribuirán a consolidar a Cidade da Cultura como viveiro cultural creativo.