O relato das mulleres internadas en Conxo por cuestións consideradas na época enfermidades mentais

A exposición do Arquivo de Galicia ‘Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo’ analiza os patróns de xénero seguidos no centro, creado en 1885, a través de expedientes de ingreso, diagnósticos, historias clínicas ou correspondencia.
A través de 57 pezas, do fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo transferido ao Arquivo de Galicia polo Servizo Galego de Saúde en 2012, móstrase o relato das mulleres internadas no centro, posto en marcha en 1885, por cuestións consideradas na época enfermidades mentais. A exposición trata de visibilizar a condición das persoas dobremente estigmatizadas por ser mulleres e tratadas de loucas, un tema que foi tabú durante anos.

A Xunta  inaugurou este mércores no Arquivo de Galicia, coincidindo co 8 de marzo, a exposición Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, centrada na saúde mental abordada desde unha perspectiva de xénero. A mostra poderá verse na Cidade da Cultura ata setembro e está enmarcada na serie Mulleres Sobranceiras que cada ano se organiza con motivo do Día Internacional da Muller.

A través de 57 pezas, do fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo transferido ao Arquivo de Galicia polo Servizo Galego de Saúde en 2012, móstrase o relato das mulleres internadas no centro, posto en marcha en 1885, por cuestións consideradas na época enfermidades mentais. A exposición trata de visibilizar a condición das persoas dobremente estigmatizadas por ser mulleres e tratadas de loucas, un tema que foi tabú durante anos.

O percorrido amosa expedientes de ingreso, diagnósticos médicos, historias clínicas ou mesmo correspondencia das propias internas. Nesta documentación quedan patentes os patróns de xénero propios da época.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que se trata de documentos “de gran valor para o estudo da psiquiatría e da saúde mental desde múltiples aspectos, entre os que destaca o coñecemento da sociedade á que pertencían esas mulleres que quedaron excluídas e esquecidas”, engadindo que o “Psiquiátrico de Conxo é un dos máis antigos da Península, no seu tempo cunhas instalacións modelo e prestixiosos profesionais, o que lle dá máis importancia ás conclusións que se poden sacar desta documentación custodiada no Arquivo de Galicia”

No acto estivo acompañado pola subdirectora xeral de Arquivos e Bibliotecas, Mª Carmen Calviño; a directora de Procesos de Soporte da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Fernanda López Crecente, e pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. Asistiron tamén as comisarias da exposición, María del Mar García Miraz e Concepción García, e o comisario, Miguel López.

DIAGNÓSTICOS E HISTORIAS CLÍNICAS

O Hospital Psiquiátrico de Conxo foi desde a súa creación en 1885 ata 1953 o principal centro de asistencia psiquiátrica de Galicia. Os documentos conservados pertencen a unha época na que, segundo explica a comisaria da mostra, “moitas persoas foron consideradas doentes mentais e illadas da sociedade por non adaptarse ás regras sociais establecidas. No caso das mulleres sufrían, ademais, a aceptación de que o seu sistema nervioso e reprodutivo as facía máis propensas a desordes patolóxicas, sendo diagnosticadas, como se le literalmente nos expedientes, con loucura histérica, loucura xenital, psicose melancólica ou de pasións violentas”.

A exposición exhibe cartas cargadas de significado enviadas por homes aos médicos en agradecemento pola cura das súas mulleres “que antes eran tristes”. Tamén correspondencia das propias internas a familiares expresando as súas vivencias, que nunca foron enviadas e se utilizaron para o seu seguimento clínico.

A mostra recolle os expedientes das dúas primeiras mulleres ingresadas no Hospital Psiquiátrico, en 1885 e 1886 (os ingresos de mulleres eran moito menores ao considerarse só casos graves os que ían na contra dos valores dunha sociedade patriarcal). Complétase con fotografías antigas, como a dos talleres nos que acababan facendo tarefas do fogar como lavar a roupa, ou documentos relacionados coa xestión do centro a nivel administrativo, como son os libros de rexistro de materiais.