Redescubrindo aos Gaiteiros de Soutelo
No Museo de Pontevedra, tivo lugar, en días recentes unha charla "Redescubrindo aos Gaiteiros de Soutelo", impartida polo músico e investigador Rubén Troitiño, evento que formou parte do proxecto "Músicas da Terra de Montes" e como principal obxectivo, poñer en valor a traxectoria dun dos cuartetos máis emblemáticos da música galega.
Unha coidada recompilación de diversa documentación histórica, incluíndo revistas da época, discos de pizarra cos seus catálogos impresos e mesmo algúns dos punteiros utilizados polos Gaiteiros de Soutelo.
Avelino Cachafeiro, foi a figura central da presentación, que coincidiu co centenario do seu nomeamento como mellor gaiteiro de Galicia, no concurso celebrado en Santiago de Compostela en 1924.
Emocionante foi a presentación dunha serie de fotografías inéditas e outros datos históricos recollidos con gran dedicación, materiais, moitos deles descoñecidos ata agora, ofreceron unha nova perspectiva sobre a historia do cuarteto e a súa importancia dentro da música galega, así como o debuxo de Avelino Cachafeiro, unha peza de gran valor artístico realizada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao .
A parte musical da tarde foi engalanada pola interpretación de tres pezas do repertorio dos Gaiteiros de Soutelo por parte de Roberto Cendón, Cristobal Pascual e Miguel González, utilizando os punteiros orixinais do cuarteto, unha actuación en directo, verdadeiro luxo, que logrou transportar aos asistentes ao pasado e revivir a maxia da música tradicional galega en homenaxe a Avelino Cachafeiro e aos Gaiteiros de Soutelo, que, a través do seu talento e paixón, deixaron unha pegada imborrable na nosa cultura. O proxecto "Músicas da Terra de Montes" continúa así o seu labor de investigación e difusión da rica actividade musical da comarca da Terra de Montes, contribuíndo a preservar e celebrar o noso patrimonio musical.